Skip to main content
Lugo

Carolina Rueda, Lore Lavan, Axóuxere Teatro e Marga Portomeñe actúan na gala do 20 aniversario de Hipócrita Teatro

Por 23 Marzo, 2024Sin comentarios

O grupo conmemora este sábado o seu aniversario coa gala 20 anos de anécdotas no Escenario Hipócrita, na que se premiará o espectáculo mellor valorado e ao propio público

Este sábado o Escenario Hipócrita viste de gala para celebrar o aniversario da compañía de teatro amador e da asociación cultural que leva dúas décadas apostando pola arte de representar historias na cidade. Baixo o nome de 20 anos de anécdotas, Hipócrita Teatro vai a facer un percorrido, a partir das 20.00 horas, polas vivenzas máis ocultas do grupo.

“Imos desvelar algunha das interioridades destes 20 anos de historia Hipócrita, o que pasa entre bambalinas ou nas viaxes, o que non pasa enriba do escenario e que non pode ver o público”, conta Carlos Rebolo, membro da compañía. Ademais, no encontro outorgaranse dous Hipopremios, un ao espectáculo mellor valorado no período 2022-2023 e outra para os propios asistentes, porque como defenden sen o público a práctica teatral non ten sentido.

“Entregaránselles unhas papeletas para que voten e logo faremos un reconto. Como novidade, tamén imos entregar un premio ao espectador máis fiel, que era algo que nos faltaba e levabamos tempo dándolle voltas”, engade María García. As actuacións tampouco van a faltar. Ao escenario subiranse a compañía de Oleiros Axóuxere Teatro, Marga Portomeñe de Ubú Teatro e a contadora de historias colombiana Carolina Rueda.

Ademais, estarán acompañados pola ilusionista Lore Lavand. “Fainos moita ilusión que veña porque foi membro de Hipócrita”, di Carlos. Un encontro imprescindible para os amantes da práctica teatral coa que esta compañía pon o broche de ouro a dúas décadas de historia mentres mantén o seu obxectivo de continuar dinamizando a oferta cultural da cidade.