Skip to main content
Lugo

Asociación de veciños San Xoán de Pena: “Colectivos coma o noso son necesarios para manter os vínculos”

Por 24 Marzo, 2024Marzo 25th, 2024Sin comentarios

Estender a traída da auga e implantar unha rede de saneamento encóntranse entre as reclamacións da parroquia, que logrou recuperar a Feira do Entroido de Nadela no mes de febreiro

Por Lucía Blanco

A pouco máis de 7 quilómetros de Lugo atópase San Xoán de Pena, unha parroquia de Nadela formada por uns case 150 veciños que intentan darlle vida ao núcleo a través da súa asociación, que botou a andar cun propósito claro. “Naceu co obxectivo de que cando haxa que facer algunha reclamación dalgún servizo, algunha solicitude ou trámites coa administración que teñan máis forza se se fai colectivamente que se vai cada un de forma individual”, conta o presidente, Adrián Gómez.

Comezaron a traballar no ano 2016, aínda que o colectivo estivo “un período practicamente inactivo e tamén colleu a época da pandemia”. Agora cunha directiva renovada, ganas e esforzo non lles faltan para “tratar de aportarlle un pouco de dinamismo á zona”. Xunto con Adrián atópanse á fronte, Pablo Fernández como tesoureiro e Tani Rodríguez como secretario. Todos eles son conscientes da importancia que teñen comunidades coma a súa. “É algo moi positivo porque hoxe en día os traballos comunitarios foron desaparecendo e ao mellor pasan semanas, meses ou mesmo anos e veciños que viven a menos dun quilómetro non se ven. Entón ter simplemente ter unha pequena xuntanza, convocar e organizar algún tipo de acto ou festa é moi importante para manter os vínculos”.

Entre as últimas iniciativas da Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva de San Xoán de Pena está a tradicional Feira de Entroido de Nadela, que lograron recuperar no mes de febreiro. A gastronomía, o baile e o desfile de disfraces foron os pratos fortes da xornada, na que o bo tempo axudou a volver a poñer no calendario unha cita que levaba catro anos sen celebrarse. “A última que se organizou foi no 2020 da man da asociación Carballeira de Nadela. Este ano tivemos unha reunión cos veciños en novembro e falámolo, a idea foi ben acollida, tiramos para adiante e resultou ser un éxito”, detalla o presidente.

Manter o mercado

Decenas de asistentes achegáronse ata o mercado a comprar produtos de tempada e animaron a que se converta de novo nun evento habitual. “A idea é continuar polo menos mentres teñamos o apoio das institución que é fundamental”. Precisamente, recoñecen que a axuda por parte das administracións públicas resulta imprescindible para manter o seu labor.“E máis este ano que era a primeira vez que a organizabamos, tiñamos e temos a conta practicamente a cero. Ao non haber fondos, sen apoio é imposible”.

Xunto co mercado, queren ofrecer máis actividades para a veciñanza, aínda que precisan un local social. “Esa é unha das eivas que temos, sempre hai que depender de que un bar nos deixe un sitio para as reunións ou facelas ao aire libre. Entón estabamos mirando se puidésemos solicitar algún espazo para poder facer algún obradoiro ou clases de ximnasia, por exemplo”, explica Gómez.

Estender a traída

Xunto con esta demanda, piden “estender un pouco máis a traída de auga que actualmente chega aínda non á metade dos veciños, soamente a Nadela e a unhas casiñas máis”. Outra das reclamacións máis urxentes da parroquia é implantar unha rede de saneamento, porque “moitos problemas de contaminacións de pozos veñen de non ter unha rede en condicións para poder evacuar as augas residuais”. Polo momento, están pendentes de organizar unha xuntanza para trasladar as necesidades e presentar de forma máis formal as peticións do seu núcleo, que ten moito que ofrecer.

“A nivel patrimonial destacan os restos da igrexa antiga e tamén a actual que ten partes da antiga que é de orixe altomedieval, aínda que falta por investigar máis”, conta Adrián. O entorno do que a veciñanza pode gozar tampouco pasa desapercibido. “Somos unha parroquia que está na ribeira do Miño, consérvanse carballeiras e non hai grandes plantacións de eucaliptos nin de piñeiros. Consérvase unha paisaxe bastante natural que é cada vez máis difícil de ver”.