Skip to main content
Lugo

Entregan os premios do concurso de fotografías para poñer en valor o cemiterio de Lugo

Por 20 Marzo, 2024Sin comentarios

A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, xunto coa edil Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, entregaron os premios do IX concurso de fotografía Estampas de Paz e Acougo. A área de Participación ten como obxectivo deste certame achegar á veciñanza ao cemiterio e integrar esta instalación municipal na vida social e cultural da cidade, poñendo en valor non só o patrimonio histórico e artístico que alberga senón tamén a  importante carga emocional contida en cada unha das esculturas e construcións funerarias.

O concurso estivo baseado, entre outras temáticas, na simboloxía oculta que se reflicte nas construcións funerarias dos cemiterios. O xurado valorou a calidade técnica e artística das obras, dándoselle unha especial relevancia á captación da sensación de paz e harmonía coa que se impregnan os recintos dos cemiterios. O xurado estivo formado polo fotógrafo Eduardo Ochoa, Amparo Rubinos, Xefa do Servizo do Cemiterio Municipal e Chelo Rodríguez, do Servizo do Cultura do Concello de Lugo.

Gardiáns da Calma, de Iago Manoel Souto Lorenzo, foi a imaxe gañadora dos 600 euros do primeiro premio. O segundo premio, cun valor de 400 euros, foi para Jesús Burgo Tomás, con Rougade a Deus. Na terceira posición rematou a imaxe sen título de Aída Martín Vázquez, que levou un premio de 200 euros. Cristina López agradeceu a todas as persoas que presentaron imaxes a súa participación no concurso.