Skip to main content
Lugo

A hostalaría de Lugo ten un mes para regularizar ou eliminar as súas terrazas

Por 20 Marzo, 2024Sin comentarios

O bando municipal, publicado este mércores no BOP, obriga aos bares a gardar un paso libre de 1,80 metros como mínimo e a retirar as instalacións en zonas de estacionamento e de carga e descarga

Dende este mesmo mércores, os locais de hostalaría da cidade dispoñen do prazo dun mes para quitar ou regularizar as súas terrazas. Así o marca o Boletín Oficial da Provincia (BOP) que publicou o bando municipal sobre o funcionamento destas instalacións.

Neste período, os titulares dos establecementos deben retirar as terrazas instaladas en zonas de estacionamento, zonas de carga e descarga así como levantar o material que teñen apilado e en desuso nas proximidades do local. No caso de que estean interesados en obter a autorización correspondente para contar cunha terraza na vía pública, poden solicitala, deixando un paso peonil de como mínimo 1,80 metros, respectándose un itinerario de forma continua.

As terrazas poderán colocarse pegadas ás fachadas, sen superar a lonxitude do establecemento, ou na liña de bordo da beirarrúa, neste caso a súa lonxitude poderá alcanzar o da fronte de fachada do edificio propio e dos lindantes. Tamén se permitirán a colocación simultánea dunha terraza xunto á fachada e outra na liña de bordo no mesmo tramo de beirarrúa, sempre que se deixen libres 1,80 metros.

Con carácter excepcional, poderán estar separada do local ata un máximo de 40 metros, dende a porta do local ata o inicio da terraza. Unha vez rematado os 30 días para regularizar as terrazas, o Concello iniciará un dispositivo inspector e sancionador de comprobación da eficacia do bando.