Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo esíxelle á Xunta incrementar os orzamentos o Servizo de Axuda no Fogar

Por 20 Marzo, 2024Sin comentarios

A área socialista do Goberno local defenderá no pleno ordinario deste mes unha proposición na que reclama ao Goberno autonómico incrementar a achega económica que realiza para asumir o custo orzamentario do Servizo de Axuda no Fogar, atendendo á demanda existente e cumprindo así coas competencias que lle son propias e exclusivas. “A realidade social de Galicia pero moi especialmente a de Lugo, con máis do 23 % de persoas maiores de 65 anos,  cunha taxa de dependencia da poboación maior de 64 anos na provincia de Lugo de 47’71 e cun índice de envellecemento do 269’05, abala a necesidade de apostar por un sistema público, áxil e eficiente  que dea solución efectiva aos coidados derivados da dependencia”, sinalou ao respecto a edila de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde.

A inciativa socialista recorda que a achega do Goberno de España para dependencia amosa nos tres últimos anos un incremento acumulado de 3.792,5 millóns de euros, o que supón recuperar o 94 % dos recortes realizados polo goberno de Mariano Rajoy no ano 2012, tras a aprobación do RDL 20/2012. “Sen embargo o incremento orzamentario do Goberno central tivo un efecto perverso nalgúns gobernos autonómicos, como o galego, que aproveitou esta suba para reducir os presupostos propios en lugar de utilizar o aumento para atender ás persoas en situación de dependencia que se atopan nas listas de espera ou mellorar a calidade das atencións, incrementando as contías das prestacións económicas ou mellorando a intensidade e compatibilidade dos servizos”, lamentou a concelleira.

Deste xeito, o grupo socialista sinala no seu texto, que un dos servizos fundamentais para a abordaxe da dependencia é o Servizo de Axuda no Fogar que,  a tenor da evolución económica dos últimos anos,  ten un incremento orzamentario que non se corresponde coas actualizacións realizadas polo Goberno da Xunta de Galicia. Neste sentido, o Concello de Lugo ven de licitar o novo contrato do SAF, no que investirá 33,9 millóns nos próximos 5 anos. “Fronte a falta de compromiso que o Goberno autonómico evidencia nesta materia da súa competencia exclusiva, apostamos por realizar esta enorme mobilización de recursos municipais para garantir a atención adecuada a este colectivo”, afirmou López Racamonde.