Skip to main content
Lugo

Ofértanse 18 postos de venda na Praza Maior durante a festa do Arde Lucus

Por 21 Marzo, 2024Sin comentarios

O Executivo de Paula Alvarellos, a través da concellería de Xuventude e Deportes que dirixe Jorge Bustos, porá a disposición das persoas interesadas 18 postos de venda de mercadorías, situados na Praza Maior, durante a celebración do Arde Lucus. A Xunta de Goberno Local aprobou as bases para a licitación destes espazos que se atopaban actualmente vacantes. No 2022 aprobouse a normativa para acceder a estes postos, “xerando un gran interese entre as e os comerciantes, ofrecéndolles a oportunidade de renovar a autorización de uso anualmente por un período máximo de catro anos”, explica Jorge Bustos.

En total son 57 os espazos que dende o Concello poñen a disposición das persoas interesadas, dos cales 39 xa se atopan ocupados e os restantes 18 son os que agora se poderán solicitar. A autorización da ocupación terá vixencia durante o Arde Lucus 2024 prorrogable por un ano máis. Os postos de venda de mercadorías poderán iniciar a montaxe o día 13 de xuño e deberán estar en funcionamento no horario de apertura do mercado. O Macellum abrirá o 14 de xuño de 16.00 a 21.30 horas, o 15 de xuño de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.30 horas e o 16 de xuño de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.30.

O prazo de presentación de solicitudes será de quince días hábiles contados dende a publicación do anuncio de licitación no perfil do contratante aloxado na Plataforma de Contratación do Sector Público. A selección dos adxudicatarios realizarase por concorrencia competitiva. Entre os criterios que se terán en conta á hora de avaliar as solicitudes atópanse a oferta económica; a adecuación das paradas e da súa decoración, así como a vestimenta das persoas encargadas da venda e os produtos que se ofertan; estar en posesión do carné de artesán ou a realización gratuíta de obradoiros de artesanía.

Festa de Interese Turístico Internacional

Por outra banda, Jorge Bustos explicou que o Concello segue a promover e intensificar a colaboración público-privada de cara a celebración da vindeira edición do Arde Lucus, que terá lugar do 13 ao 16 de xuño, como Festa de Interese Turístico Internacional. Esta colaboración vén sendo habitual nos últimos anos, co obxectivo de xerar sinerxias que contribúan ao crecemento continuo da festa no tempo.

Deste xeito, o edil destacou que durante a celebración de FITUR no pasado mes de xaneiro, tiveron lugar os primeiros contactos con empresas interesadas en colaborar na organización e divulgación do evento, como Alsa ou Gestagua. En concreto o Grupo Alsa aplicará descontos sobre as tarifas base dos servizos de transporte regular que teñan a súa orixe ou destino na cidade de Lugo con motivo do Arde Lvcvs e emitirá un vídeo sobre a festa, no canal de entretemento a bordo do que dispoñen todos os autobuses.