Skip to main content
Lugo

O colexio Salesianos conciencia ao alumnado e á cidade no coidado da auga

Por 25 Marzo, 2024Sin comentarios

O colexio Salesianos Divina Pastora de Lugo continúa na súa aposta por concienciar ao alumnado no coidado do medio ambiente. Durante a semana do 18 ao 22 de marzo, levaron a cabo diversas actividades nas que se implicaron todas as etapas —Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria— , como parte do proxecto colexial de innovación Auga e Vida do colexio.

Con esta proposta pretenden concienciar tanto aos alumnos como á cidade da necesidade do coidado das nosas fontes de auga, así como todos os beneficios e usos desta no noso día a día. Para iso apoiáronse en traballos de investigación, como tamén en actividades prácticas sobre as beiras do río Rato usando metodoloxías como a aprendizaxe cooperativa, aprendizaxe de servizo ou gamificación.

Todo o colexio traballou na mesma liña durante toda a semana, culminando este proxecto nun acto de peche que percorreu o barrio da Milagrosa cunha manifestación e repartición de panfletos informativos e chamando á acción e o compromiso da coidado da auga. Como punto final, leuse un manifesto elaborado polo alumnado e a gravación dun timelapse.