Skip to main content
Lugo

A Tradescola aposta pola música tradicional galega cun obradoiro de tixola en Lugo

Por 25 Marzo, 2024Marzo 26th, 2024Sin comentarios

Felisa Segade será a encargada de guiar o obradoiro o vindeiro 13 de abril, no que quere amosar unha panorámica xeral baseada no seu traballo de campo

A Tradescola impartirá un obradoiro de iniciación á tixola de xeito gratuíto o vindeiro 13 de abril. Felisa Segade será a encargada de guiar o obradoiro, no que quere amosar unha panorámica xeral baseada no seu traballo de campo, e en referencias atopadas e documentadas por compañeiras e compañeiros cos que se ten relacionado ao longo de anos de traballo compartido.

Trátase dun primeiro achegamento á cazola dirixido a principiantes onde se van familiarizar con diferentes técnicas e xeitos para tocar o instrumento. Con esta iniciativa, desde a área de Cultura seguen a traballar na difusión da música e da cultura tradicional galega, “achegando ás veciñas e veciños de Lugo o coñecemento dunha das persoas máis importantes na investigación dos nosos sons”, explicou concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro

Maite Ferreiro destacou a importancia da música e da cultura tradicional na programación cultural do Concello, xa que é “un dos piares básicos á hora de organizar actividades, xunto coa promoción das agrupacións locais e a difusión de actividades de calidade e recoñecidas a nivel galego, estatal e internacional”.

Un dos obxectivos da Tradescola compartido polas áreas de Cultura do Concello e da Deputación é incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego na sociedade actual. Por iso, realiza asiduamente numerosos actos como charlas, exposicións, concertos, ou xornadas que achegan a numeroso público a coñecer de preto o traballo que está a realizar esta escola, ofrecendo formación a todas as persoas interesadas na música e no baile tradicional tanto na cidade de Lugo, onde imparte aulas diariamente na rúa Pintor Corredoira nº 4 e no Centrad, como no resto de comarcas da provincia a través da realización de diversas accións formativas relacionadas co ensino da música e baile tradicionais.

Felisa Segade, aposta pola tradición cultural

De formación autodidacta, Felisa Segade leva dende o ano 86 dedicada ao traballo de campo na recollida da nosa música e tradición cultural, co que alimenta tanto os seus traballos musicais como docentes. Desde 1989 é integrante do grupo de baile e música tradicional Brincadeira (Compostela) cofundadora de Leilía (1989) e Tres Pesos(2014), grupos nos que dedica o seu tempo á recopilación, análise, proposta musical e interpretación da música galega de tradición oral nas súas diferentes formas, manifestacións e expresións.

Felisa, como moitas outras mestras e mestres en toda Galicia, imparten aulas arredor da percusión e da tradición oral galega e colaboran en investigacións, traballos de campo e recolleita, tamén propostas musicais, de diferente alcance e dimensión. Como representante dalgunhas das máis importantes agrupacións de música tradicional, recibiu numerosos galardóns, entre os que destacan o Premio Agapi 1999 á mellor banda sonora pola curtametraxe A rosa de pedra, o Premio Galicia en feminino 2001 (outorgado pola xunta de Galicia) ou o Premio da Academia das Artes e das Ciencias da Música 2004 á mellor canción en galego por pedras contra tanques.