Skip to main content
Lugo

Lugo Monumental prepara unha Comisión de Seguimiento tras o atraso das obras do centro histórico

Por 27 Marzo, 2024Sin comentarios

A Asociación Lugo Monumental considera que o atraso das obras obriga a facer un seguimento para ver se os novos prazos son realistas e se os traballos axústanse  ao cronograma previsto. Segundo o colectivo, o atraso na execución das obras do centro histórico está a causar serios prexuízos aos locais da zona, pero é evidente que non son os únicos afectados. “A todos resúltanos moito máis complicado transitar polo centro e preocúpanos enormemente que unhas obras que tiñan que finalizar o 31 de decembro de 2023 estean aínda nunha fase moi afastada ao seu remate”, destacan.

Por todo isto, decidiron crear unha Comisión de Seguimento das obras, á que se convidou a varias entidades co obxectivo de que se poida levar a cabo unha posta en común da evolución dos traballos e facer previsións realistas sobre a súa finalización. Partindo do cronograma oficial, a intención é facer un control exhaustivo dos tempos das obras, así como das diferentes problemáticas que vaian xurdindo, xa que opinan que entre varios puntos de vista sería moito máis sinxelo realizar este labor.

O colectivo contempla unha reunión cada dúas semanas, na que convidan ao Concello, a representantes das empresas adxudicatarias, a partidos políticos con representación municipal, ao Colexio de Arquitectos de Lugo, á Asociación de Empresarios Lugo Monumental, á Asociación de Veciños do Barrio Centro de Lugo e á Asociación Provincial de Empresarios da Construción.

Desde Lugo Monumental valórase que estas entidades agrupan á inmensa maioría dos afectados polas obras e tamén que é fundamental dar traslado da iniciativa tanto ao Concello, como entidade responsable dos traballos, como ás empresas que os realizan. A asociación é consciente de que varias das partes xa fan un seguimento das obras, pero tamén de que, entre todos, a información será moito máis completa e detallada. Ademais, valoran como fundamental dar a coñecer eses datos.