Skip to main content
Lugo

O PP de Lugo reclama cambios na rede de augas do Ceao tras o incendio da nave de Sidegal

Por 27 Marzo, 2024Sin comentarios

O PP esixe ao Goberno local solucionar os problemas na rede de auga do Ceao e urxe a que actúe tras “tres anos de inacción”. Para o grupo municipal é “o momento de marcar prioridades” e lembra que se presentaron ata tres iniciativas nos últimos meses, reclamando que se impulsara o cambio das tubaxes obtendo por resposta a negativa de socialistas e nacionalistas.

Segundo sosteñen, as obras na rede de abastecemento de auga non se fan porque “non hai queixas de empresarios”, porén en abril cúmprese o terceiro aniversario do maior incendio deste polígono e aínda non se fixeron estas obras tal e como aconsellaban os informes técnicos nos que se indica que “a antigüidade das tubaxes podería xerar problemas na presión hidráulica recomendando realizar cambios nesta infraestrutura”.

Expoñen que as tubaxes en moitas zonas son de fibrocemento con máis de 40 anos de antigüidade, como é o caso da rúa do Vidro onde se rexistrou o último incendio, e tal e como se indica nos informes acabaron a súa vida útil. “Estamos falando dun problema real, hai informes que avalan esta situación e que recomendaban xa en 2021 renovar toda a rede de abastecemento”, aseguran os populares.

Entre as iniciativas do partido, atópase o rogo en febreiro do 2022 para urxir o cambio das tubaxes e solicitando que se reservasen partidas orzamentarias para esta obra e a proposición de outubro de 2023 na que insisten na necesidade de renovar a rede de augas co obxecto de aumentar a presión e garantir o servizo de extinción de incendios. En decembro do 2023 tamén presentaron unha enmenda para os orzamentos de 2024 solicitando que se habilitase unha partida de 230.000 euros para estas obras e afirman que tamén a Asociación de Empresarios do Ceao presentou as súas propias alegacións sendo a primeira a que plasmaba a petición de renovar a rede.