Skip to main content
Lugo

Rematan o seu labor en Lugo os participantes do Programa Primeira Experiencia Profesional

Por 27 Marzo, 2024Sin comentarios

A subdelegada do Goberno en Lugo despediu hoxe aos participantes no programa de Primeira Experiencia Profesional, agradecendo o traballo realizado e o compromiso coas funcións que lles foron asignadas ao longo deste ano de duración do contrato.

Estes mozos, dous rapaces e unha rapaza, accederon ao programa para desenvolver distintas tarefas na Subdelegación do Goberno en Lugo, como o tratamento documental, a dixitalización de arquivos ou a comunicación pública. Durante os primeiros meses de traballo contaron cunha persoa que serviu de guía, apoio e asesoramento de acordo a un itinerario formativo supervisado polo SEPE. Ademais, recibiron un salario acordo co seu nivel académico e segundo as táboas salariais da Administración.

A subdelegada deu persoalmente a despedida aos contratados polo programa tras rematar o ano de duración estipulado, interesándose polo seu futuro e agradecendo a súa predisposición ao traballo neste tempo. “Creo que todas as partes estamos satisfeitas, nós por ter recibido xente con perfís profesionais distintos e con coñecementos no eido dixital, e vós por ter adquirido competencias e saberes que vos serán de moita utilidade en futuros traballos e tamén en xeral para a vosa vida”, subliñou Rodríguez.

A subdelegada encomiou tamén o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, grazas ao cal se puido contratar e realizar este plan de primeira experiencia profesional, un programa pioneiro no ámbito público para a contratación de xente nova, de menos de 30 anos, desempregada, co fin de adquirir unha experiencia profesional no seo das administracións públicas.