Skip to main content
Monterroso

Pais do equipo Monterroso Feminino FS infantil queixanse sobre o estado das instalacións deportivas do pobo

Por 20 Marzo, 2024Sin comentarios

As nais e pais do equipo infantil feminino de fútbol sala da SD Monterroso veñen de amosar as súas queixas sobre o estado e mantemento das instalacións deportivas do pobo.

Así, solicitan unha xuntanza urxente coa concellería de deportes xa que, unha vez máis, as xogadoras tiveron que ir disputar a súa xornada de Liga como equipo local ao polideportivo de Taboada despois de que os colexiados suspenderan o partido na pista de Monterroso polo seu estado.

“Non é un feito illado xa que teñen problemas tamén para os adestramentos semanais”, din os pais e nais, “urxe unha solución para o que queda de tempada e tamén para o futuro do equipo nas próximas tempadas”.

“Lembrar que esta problemática non é algo novo, isto xa vén pasando desde fai catro anos, cando o equipo sénior feminino, que militaba na liga autonómica, concretamente a nivel Galicia, tivo que dicir adeus ao fútbol sala por non ter unhas instalacións decentes onde xogar, véndose obrigadas a renunciar a xogar no equipo do seu pobo”, engaden.

O club ten en mente seguir co proxecto e tamén solicitou melloras nas instalacións, “sen éxito ningún”, sinalan os pais e nais, “a día de hoxe varios rapaces da vila tamén teñen pretensións de xogar pero vendo o panorama xa nin o intentan, e todos sentimos rabia, sentimos vergoña, e sentimos tristeza”.

“O crecemento do deporte depende moito do impulso que se lle dea e das ganas de darllo pero, como mínimo, dunhas condicións básicas e dignas polas que, se non nolas dan, loitaremos por elas, para que non pase o que xa pasou fai anos”, rematan.