Skip to main content
Palas de Rei

O SLG solicita a realización dun informe por parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño sobre os impactos de Altri

Por 27 Marzo, 2024Sin comentarios

A responsable da Loita contra o Acaparamento de Terras no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) e vogal do SLG-CCLL no órgano consultivo da Reserva da Biosfera Terras do Miño, Margarida Prieto Ledo, vén de solicitar á Deputación de Lugo un informe da Reserva da Biosfera Terras do Miño sobre a afección que a macroindustria de celulosa proxectada por Altri-Greenfiber tería sobre a poboación e territorio nun radio de alomenos 30km, a contorna mínima delimitada con presenza de gases contaminantes asociada a unha megafábrica coma esta que, lembremos, ocuparía unha extensión de 366 hectáreas -10 veces maior que a polémica celulosa de Ence-, consumiría 46 millóns de litros de auga/día e vertería 30 millóns de litros de auga contaminada diarios.

“Este proxecto vai ter un importante impacto en varios concellos que formar parte da Reserva da Biosfera Terras de Miño, como por exemplo Friol, Guitiriz e Guntín….”, advirte a vogal do SLG-CCLL. “Existe unha preocupación cada vez maior entre a cidadanía ante a posibilidade de instalación desta industria depredadora de recursos natuarais no corazón do noso país, que ademais do acaparamento e contaminación de augas e terras, implicaría empeorar a problemática que xa temos cos eucaliptos a día de hoxe, acrecentando a nosa perda de biodiversidade e aumentando exponencialmente o risco de incendios, ca especial perigosidade que isto atinxe para a poboación que vivimos no medio rural”.

Dada a envergadura e dimensións deste proxecto e as diferentes afeccións que vai a ter sobre os concellos situados nun radio de máis de 30km., indica Margarida Prieto no escrito dirixido á Deputación de Lugo, “solicitamos se emita informe dos impactos e afeccións sobre os concellos que están integrados na Reserva da Biosfera Terras do Miño (Friol, Guitiriz, Guntín…), e se presenten alegacións ao mencionado proxecto polos impacto que vai a ter sobre o medio ambiente e sobre as actividades económicas existentes no territorio”.

A responsábel da Loita contra o Acaparamento de Terras no SLG tamén se dirixiu o pasado xoves 21 de marzo á Consellaría do Medio Rural para solicitar información sobre o número e orientación produtiva das explotacións agrogandeiras existentes no radio de afección.

Ademais, dende o Sindicato Labrego Galego poñen a disposición da cidadanía modelos de alegación elaborados pola Plataforma Ulloa Viva e outras organizacións sociais e ecoloxistas, ao tempo que facilitamos como punto de entrega de alegacións os nosos locais nos concellos de Arzúa, Melide, Compostela, Santa Comba, Ordes, Betanzos, Teixeiro, Moeche, Valdeorras, Ribadavia, Xinzo, Lugo, Sarria, Chantada, A Fonsagrada, As Nogais, Ribadeo, Lourenzá, Vilalba, Meira, A Estrada, Lalín, Ponteareas, O Rosal, Crecente e O Salnés, até o venres 22 de abril.