Skip to main content
Portomarín

O núcleo urbano de Portomarín, recoñecido como Zona de Gran Afluencia Turística

Por 19 Marzo, 2024Sin comentarios

Os establecementos comerciais poderán ampliar os seus horarios e abrir de 9.00 a 22.00 horas dende o mes de abril ata novembro

O núcleo urbano de Portomarín acaba de ser declarado como Zona de Gran Afluencia Turística. Tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia os establecementos comerciais poderán ampliar os seus horarios e abrir de 9.00 a 22.00 horas dende o mes de abril ata o mes de novembro.

A declaración, que terá unha vixencia de 5 anos, prorrogables sempre que se volvan xustificar as causas que motivaron a autorización inicial, foi solicitada e probada no pleno do Concello en xuño de 2018. Dende o Goberno local xustificaban a proposta apoiándose número de visitantes que recibe o municipio que forma parte do Camiño Francés. Concretamente uns 75.000, “o que multiplica por 48 a poboación local”.

Outra das circunstancias sinaladas no DOG é a existencia dunha concentración de prazas de establecementos turísticos. Para iso, apóianse nos datos do Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) que amosa que no 2022 o municipio tiña “75 establecementos que ofertaban 1.454 prazas” e boa parte delas na área proposta como Zona de Gran Afluencia Turística.

Vivendas turísticas e albergues

“Algo máis da metade da oferta correspóndese aos albergues, tipoloxía destinada principalmente ao peregrino, con peso tamén importante do segmento hoteleiro –representa o 30 % do total das prazas–, indícase no informe. Pola súa parte a porcentaxe de vivendas turísticas segundo o INE sitúase no 3,75 % en febreiro do 2023, “cifra que supera ao promedio dos concellos da contorna e tamén é a  máis alta de todos os municipios localizados no Camiño Francés”.

Outra das cuestións é que o municipio ten declarados dos elementos BIC como monumento e conxunto histórico a igrexa de Sano Nicolás e o Conxunto Asolagado de Portomarín e pertence ao Camiño Francés, declarado como BIC e Paisaxe cultural Ribeira Sacra no 2018. Precisamente ao localizarse no trazado da Ruta Xacobea recibe un importante número de peregrinos e aglutina tres albergues públicos e 23 albergues privados que ofertan en total 793 prazas –o 56 % do total das prazas de aloxamento”.