Skip to main content

Noelia Castro Yáñez

A mala palabra queda na boca de quen a di. Iso nos dicía a avoa A. sempre que algún dos netos entrabamos a esbardallar na casa en Cornide. Eu sempre quedaba pensando en que querería dicir, ao comezo pensaba que as palabras malsoantes producían danos físicos na boca, caries, perda de dentes…ata moitos anos máis tarde decatarme de que o que se pica é a alma. Porque se ben é certo, que o que fai mal, fai mal para si.

Di X. que o mellor de ir ver dúas veces a mesma película ao cine é que podes desentenderte da trama e fixarte no que realmente importa: os detalles. Coido que pasa o mesmo na vida, conforme coñeces a alguén non tes que centrarte tanto en a que se adica, no que di ou mesmo en como se leva cos seus pais. Pasa a cobrar transcendencia como se lle engurra o nariz cando se desgusta, como tapa a boca cando ri ou como se lle inflama a vena do pescozo cando discute acaloradamente. Coñecemos moito a través dos detalles, en ningún caso da trama, nin da súa biografía, e nin por asomo do que di.

O ensaísta Dan Lyons reivindica o silencio activo como maneira de sermos máis felices e mesmo de acadar máis éxitos. Aquelo de que en boca pechada non entran moscas, cobra agora sentido. Manter a boca pechada faravos máis intelixentes, máis simpáticos e mesmo máis poderosos nos asegura o escritor. Agora que todo o mundo semella ter algo que dicir, cando todos temos a necesidade de alzar a voz, de berrar forte, debemos tamén poñer en valor calar cando un debe calar. A prol do silencio atopamos o libro deste autor, O poder de manter a boca pechada nun mundo de ruído incesante.

En moitas ocasións, falamos por falar, pero as persoas máis poderosas do mundo fan exactamente o contrario. Apunta un estudo do departamento de Psicoloxía da Universidade de Arizona que data de 2018 que unha conversa de calidade e non trivial se traduce nunha maior sensación de felicidade. A cantidade e a calidade da conversa están relacionadas co benestar. Debemos pensar logo en gastar sabiamente as palabras e aprender a desfrutar do silencio.

Prestar atención plena ao que nos di o noso entorno e en ocasións, desconectar da sobrecarga de información que nos leva a un estado de sobreestimulación continuado no tempo. Por suposto que presta unha tarde en familia ou amigos ao redor dun café interrompendo para acadar a quenda de palabra, pero estamos a falar de cousas distintas. Paradóxicamente escribo a prol do silenzo empregando tres mil caracteres para tal fin.

Ao meu alumnado invítoo fortemente a calar, a escoitarense a si mesmos para favorecer o razoamento. Non preciso falar do meu traballo, prefiro que falen por min as ducias de profesionais que comezaron este ano a traballar no que lles gusta, os outros moitos aos que obrigo a encender o botón de pensar, porque non me gusta falar de máis, e é por iso que non fago o seu traballo, fago o meu. Doulles ferramentas para que sexan resolutivos, invítoos a pensar, a empregar o sentido crítico e a facer o profundo traballo de abstracción que precisan as Matemáticas. Desde que comezou este proxecto tan fermoso que supuxo a

Academia ben seguro houbo moitas persoas que comezaron a sentir paixón polas ciencias, e así mo fixeron saber, e ben seguro que outras moitas me invitan a calar para que non volva propoñer exercicios porque remataron esgotados de tanto pensar e traballar. Prefiro que iso sexa o que fale por min, os feitos. Desde logo que levo sete anos calada e así vou a seguir. Porque desde os inicios houbo quen tentou provocar, sen nin tan sequera un café ao que invito polo medio, quen o segue a facer, dicía o cuñado do avó L. que falen Libardiño que iso é porque estás vivo, porque cando hai moito tempo un pode dedicalo a mirar o que fan os demais, sen invitación previa, con alevosía, ou pode adicalo a traballar nun dos grandes sete problemas matemáticos sen resolver. Invítote a ti, que compartes a miña paixón e os meus estudos a facer isto último, porque onde hai letras, calan barbas.