Skip to main content

Por Fernanda Arrojo.

Cada trece de febreiro celébrase o Día Mundial da Radio e a Unesco declarou 2024 como o ano do centenario deste medio de comunicación, que coincide coas primeiras emisións comerciais en España.

E por iso, esta colaboración é unha conversa cun locutor de radio de toda a vida en Lugo: Paco Arrizado.

Onde naciches?

Nacín no concello de Carballeda, comarca de Valdeorras, un seis de febreiro, sendo acuario de signo zodiacal que propicia ser comunicativo. Algo xa estaba marcado no meu destino…

E os teus estudos foron en?

Estudei nun internado de frades franciscanos en Padrón e comparando as miñas vivencias coas doutra xente, podo dicir que tiven sorte porque era un claustro de profesores moi aberto ao mundo. Un frade que veu de EEUU trouxera un magnetófono de bobina. A min escolléronme para gravar lecturas.Fora máxico escoitar a voz humana ao tempo que oscilaba a frecuencia dun piloto cor verde. Rematado o bacharelato nese colexio, fixen a reválida. Empecei Maxisterio en Ourense, que continuaría en Lugo porque nos trasladamos a vivir aquí.

E cando empezas a túa andaina radiofónica?

Eu fixen a mili en Zaragoza. Alí vivía un familiar meu que me imaxinaba traballando como locutor de radio. Dicía que tiña unha voz moi axeitada. De volta en Lugo, por casualidade, un amigo informoume de que en Radio Popular precisaban un locutor para ocupar a praza que deixara Constantino Cabanas xa que marchara para Radio Nacional de España, na Coruña.  Presenteime co currículo, xunto a outros aspirantes, e fixéronnos unhas probas. Na lectura de textos publicitarios saíu o de “Confecciones Stilo” que estaba na rúa do Progreso. O texto dicía: “Para hombres, Stilo. Stilo para hombres”. A Benito Vázquez, director de Radio Popular na década dos 60, gustoulle como lin o texto, co “s” líquido. Tamén estaba no xurado Manuel Lombao. Total: que me elixiron para o posto e comecei a traballar como locutor en outubro de 1968.

Na miña modesta opinión, penso que tes unha voz moi dinámica e fluída

É que nos machacaban moito, facendo exercicios de pronunciación cun lapis na boca, mordendo a parte roma na que tropezaba a punta da lingua e lendo páxinas e páxinas  dun libro. E despois tiñas que ler os mesmos textos sen o lapis. Collías unha soltura tremenda!

Daquela facías publicidade?

Si, cuñas radiofónicas teño gravado dabondo. Co tempo, os directores fóronme dando responsabilidades na redacción e presentación de espazos. Lembro en especial “O recanto da cultura”, na FM da COPE, xunto con Paco Nieto. Xente da creación artística, literaria, da docencia e mesmo do común falaban de cultura nun senso amplo. A cultura sempre me interesou moito.

E por iso, tamén fuches presidente do Club Cultural Valle-Inclán?

Si, recordo esa etapa con agarimo. Quero destacar o labor da actual presidenta, a miña colega de profesión, Tonina Gay. Sempre que podo sigo a participar nas actividades do Valle Inclán e tamén nas da asociación Lugo Patrimonio.

Falando de cine, cal é unha das túas películas preferidas?

Por exemplo, “A filla de Ryan” de David Lean ambientada na Irlanda de comezos do século XX. A trama podería terse dado no País Galego.

Polo que vexo, todas as túas actividades están moi vinculadas con Lugo?

Claro, vivo aquí dende hai tempo e aínda sendo unha cidade pequena permite facer moitas cousas.

E non podemos esquecer que ti formaches parte da primeira corporación municipal no Concello de Lugo?

Si, unha etapa interesante, dun cambio que comezaba. Buscando consenso a UCD repartira responsabilidades a munícipes de distintos partidos. O alcalde, Novo Freire, asignoume as áreas de cultura, turismo e protocolo.

A radio vén de cumprir cen anos, cal é a principal razón desta lonxevidade?

Na radio, o fío comunicativo é forte e crea familiaridade entre quen fai o programa e quen o escoita e soubo adaptarse ás novas tecnoloxías. Con inmediatez, todos podemos ser receptores ou emisores.

E a todo isto, botas de menos a radio?

Si e non. Teño un sentimento contraditorio porque, ao principio, era idealista sobre a función da radio na sociedade. Hoxe cada emisora responde á ideoloxía da propiedade deste medio. Sobra crispación política.

Para rematar, que dirías que lle falta agora a esta sociedade no aspecto cultural e radiofónico?

No cultural, comezar pola autoestima e coñecemento do propio. No radiofónico, máis liberdade na creación de emisoras, fóra dos grupos dominantes. Aproveito para facer unha lembranza agarimosa ás persoas que me acompañaron na miña traxectoria radiofónica. Entre eles o director que me admitiu como traballador, Benito Vázquez Rigueira, que se facía chamar Jorge de Vázquez e o sacerdote Xesús Mato, recentemente falecido.