Skip to main content
CarballedoCultura RIBEIRASACRAXA

A oposición fala: o PSOE e o BNG en Carballedo

Por 31 Marzo, 2024Abril 1st, 2024Sin comentarios
Por Jessica Fernández.

Xosé Randolfe, portavoz do PSOE en Carballedo, e María Asunción Gómez, representante dos nacionalistas no muncipio, explican cal é o papel da oposición, “un labor importante a pesar de que o Goberno local ten maioría absoluta”

Xosé Randolfe, portavoz do Partido Socialista en Carballedo, é pintor e gandeiro de profesión, vinculado á política desde novo, aínda que se presentou en Carballedo hai 16 anos para representar ao PSOE en Carballedo. Asunción Gómez, portavoz do BNG, iniciouse na política aos 16 anos en Chantada e formou parte xa das listas do partido aos 18 anos, aínda que non foi ata o 2003 cando se asentou en Carballedo e comezou a formar parte do equipo político nacionalista ata o día de hoxe.

Randolfe di que sempre tivo unha tendencia á esquerda, pero “á esquerda positiva, coa finalidade de aportar algo e facer cousas polos veciños”. Así, explica que lle interesaron sempre os temas sociais e ecolóxicos, xa que el vive no campo e sempre estivo vinculado, por iso tamén forma parte de Unións Agrarias. Despois de presentarse hai 16 anos nas eleccións municipais nas de hai 12 anos deixouno durante 8 anos, ata os comicios municipais do ano pasado, en 2023, cando volveu a presentarse Xosé Randolfe como cabeza da lista socialista no Concello e conseguiron un concelleiro, ao igual que o BNG que representa María Asunción Gómez, sendo outros nove concelleiros os acadados polo Partido Popular, que leva gobernando o concello máis de 40 anos.

“Cando un partido está dentro do Goberno dun Concello pequeno, como este de 2.000 habitantes, é moi difícil que marche, xa que está asentado, afianzado e crea unha rede de clientes que se fai imprescindible, ao marxe da ideoloxía. É difícil desbancar, xa leva 40 anos é difícil de que marche”, explica o portavoz do PSOE.

Pola súa parte, Asunción Gómez sostén a mesma idea, xa que “a nivel local non é fácil estar na oposición pola maioría absoluta e aplastante do PP, aínda que agora é mais fácil porque non hai eses enfrontamentos persoais abertos de antes e todo mellorou”. Así, di que tamén lle foi difícil formar parte da oposición por ser muller: “Como concelleira paseino mal; sendo a única muller había certos ataques a nivel persoal, non por parte do alcalde, que comigo sempre foi moi correcto, pero si que oía certas criticas. Ademais, non existe a igualdade real, na teoría si, pero na práctica non. O tema da conciliación familiar é máis difícil para unha muller e nun concello pequeno, peor, porque non había onde deixar os nenos. Agora hai servizo de atención á infancia pero antes non e paseino mal”, explica.

Para Randolfe, o papel da oposición é fiscalizar, controlar, pero sobre todo “a política ten que aportar, que aínda que eles teñan maioría absoluta, nós expoñemos cousas que eles non ven ou non queren ver”. Polo tanto, di que hai que propoñer, porque “se lles parece unha boa aportación, acaban facéndoo. Eles pasan o seu filtro de cando se fai e de que forma, pero polo menos faise”.

Este argumento é compartido pola nacionalista, quen defende que fiscalizar e controlar a acción de goberno “non e fácil porque hai que ter moito tempo e nós estamos tamén propoñendo para traballar en positivo, para que a poboación teña servizos e a xente estea ben, hai cousas que non podemos solucionar desde a oposición porque teñen maioría absoluta, pero o importante é que se fagan cousas”.

Necesidades do Concello de Carballedo

O socialista di que o PSOE axuda na vila “no que poidamos ser útiles desde o labor de oposición; facéndonos eco dun problema, solucionando a nivel persoal e transcendendo o nivel político…”. Ademais, di que tamén intentando axudar falando con outras administracións, “pero nun Concello así de pequeno podemos solucionar cousas do día a día, non cousas grandes”, sostén.

O mesmo sostén Gómez, que di que “nós intentamos ver as necesidades puntuais que hai en cada sitio e levalas a cabo, xa sexa a través da política ou a través das asociacións e a Deputación”.

Concretamente, para Xosé Randolfe, as necesidades do Concello baséanse en proxectar unha vía de comunicación que estruturara o Concello agrícola-agrario desde O Faro ata Os Peares, xa que todo é agrícola. “É un concello que se alonga cara a 18 km e ao ancho é moito menos, polo que necesitamos unha vía de comunicación desde O Faro aos Peares, pasando pola Barrela, Castro e ata abaixo, onde o río”, defende Randolfe, quen cre que a estrada da Deputación debería pasar a mans doutra administración que puidera arranxala de verdade.

A nacionalista tamén cre que a estrada que conecta todo Carballedo é necesaria “e é un tema moi sangrante porque levamos 4 anos moi enfadados, non como partido político, senón como veciños, porque nos sentimos desprezados”, sostén. Así, cre que era mellor “empezar de 0 e facelo ben que andar facendo varias veces e non arranxar ningunha”.

Por outra parte, Randolfe defende que “todo o interior necesita un plan de ordenación de territorio, porque está todo mal repartido: hai xabarís, a gandería está desaparecendo a pasos axigantados, hai industria 0 e turismo 0”, critica. “Cando nos pecha un bar é unha gran traxedia, non quedan nin bares. Non hai xuventude, emigran todos, desaparecen”, sinala. E apunta a que “somos unha poboación altamente envellecida, e a residencia está escasa para os que somos e necesita reforma”. Necesítase unha “dinamización do agro, unha revalorización dos nosos produtos, xa que hai explotacións de leite punteiras no municipio que van pechar”. E no ámbito forestal, hai moitos carballos, “por iso se chama Carballedo, pero non hai industria de transformación, nin talleres, é un desmantelamento total de Carballedo”. Aínda así, di que non é culpa do Concello, “tamén lle pasa a outros, é unha política estrutural que vén da Xunta, e non hai competencia municipal para facer unha concentración parcelaria. O único que nos queda é a Ribeira Sacra, aínda que temos só unha bodega profesional e moitas hectáreas de viñedo”. Así, conclúe que “nin se fomenta nin se ampara”. Así, di con tritura que “eu saio a andar moito e vexo que cada día está todo máis á selva. É un circulo vicioso: as administracións abandónanos, e despois xa non merece a pena facer cousas porque non hai xente, nin servizos básicos, nin autobuses, nin nada. Todos abandonados”, conclúe.

Da mesma maneira, a voceira do BNG cre que é necesaria unha concienciación con respecto ao lixo e tamén un servizo de recollida de mobiliario cada tres meses, xa que “o rural está sucio e dá mala imaxe. Vemos plásticos ou colchóns amontoados e non pode ser”. Pero tamén apunta á necesidade de que haxa unha rede de sumidoiros nas parroquias, xa que só hai na capitalidade de Barrela. “Hai pobos que non teñen nin un servizo se auga como é debido”, denuncia Gómez. E tamén demanda que haxa políticas de asentamento para persoas novas, “que os que teñan algunha iniciativa de emprendemento que teñan unha saída para o seu proxecto, que haxa algunha vía de comercialización”. Por último, apunta aos problemas que existen en Carballedo, compartidos cos de Chantada, con respecto á sanidade, xa que pecharon o centro de saúde de Castro e agora só queda o da Barrela, onde ademais só hai un médico “e ten dereito aos seus días, polo que cando falta, temos que ir a Chantada ou a Lugo”, explica a portavoz nacionalista. Así, conclúe que “non hai servizos nin creación de traballo, a xente marcha e só quedamos os vellos, polo que teñen que haber iniciativas para asentar poboación”.

Formar parte da política, a nivel persoal

Para o portavoz socialista, a súa ambición é ser concelleiro: “Non teño ningunha inquietude con respecto a postos. Eu vin para botar unha man ao partido e hai xente que necesita sentirse representada polo PSOE, pero a nivel persoal, ningunha intención; se aparece alguén que queira encabezar a lista nas próximas, eu encantado, e que sexa novo”. Finalmente, recoñece que nesta ocasión é mellor que na anterior hai 12 anos, porque lle coincidiu a época de gandeiro, en UUAA e de concelleiro “e tiña máis problema e era todo un lío”. Aínda así, tanto antes como agora, “beneficios véxoos escasos, é unha dedicación como pode ser outra calquera, pero é un labor social cara a sociedade deste concello, orientando á xente, aconsellando, aínda que saibas que é doutra cor, asesoras á xente e sempre lle podes dar unha solución a outro nivel”.

Pola súa parte, Asunción Gómez di que é un gran sacrificio a nivel persoal formar parte da oposición porque “tes que dedicar tempo e deixar desatendida en moitas ocasións a túa familia, así como deixas de lado outras actividades. Ademais, sendo muller é máis difícil pola conciliación”. Pero tamén resalta a parte positiva, que é a “acción social”. Di que “estiven sempre sempre en asociacións e sindicatos porque o contacto coa xente é fabuloso; que a xente poida preguntarche dúbidas e se lles podes dar solución, é moi gratificante”. Así, o seu obxectivo político é chegar á alcaldía, “pero sendo realistas o que nos propoñemos é conseguir máis concelleiros, porque se non é imposible desbancar ao PP do Goberno local”, conclúe.