Skip to main content
BóvedaMonforte

A estrada LU-P-0901 que conecta Bóveda e Monforte está sendo reparada

A Deputación de Lugo vén de arrancar as obras de reparación dun tramo da estrada provincial LU-P-0901 que conecta os concellos de Bóveda e Monforte de Lemos pola parroquia de Ribas Pequenas.

Estes traballos, que contan cun investimento da institución provincial de 120.000 euros, afectan ao treito que vai do punto quilométrico 8,319 ao 10,709.

Esta actuación consiste na apertura de cunetas, eliminando a vexetación e a terra sobrante; no aumento da lonxitude da cuneta en 15 metros e medio; na pavimentación do firme cunha capa de aglomerado en quente e na reposición da sinalización horizontal mediante o pintado da vía con marcas reflexivas brancas.

Son unhas obras importantes para a comarca da Ribeira Sacra porque esta estrada provincial comunica media ducia de parroquias e tamén dá servizo ao Pazo de Tor, un recurso turístico e un polo de atracción de visitantes situado no Concello de Monforte de Lemos.