Skip to main content
Chantada

Chantada acolle a exposición ‘Anatomía dun lume’ do bombeiro forestal Tomás Rodríguez

Por 5 Marzo, 2024Abril 16th, 2024Sin comentarios

O Espazo Xove de Chantada acolle durante o mes de marzo a exposición fotográfica Anatomía dun lume, asinada polo bombeiro forestal Tomás Rodríguez.

Segundo as palabras do autor: “Anatomía dun lume é unha exposición que aborda o mundo dos incendios dende unha perspectiva diferente á habitual”, porque o autor é un profesional da extinción de incendios, non da fotografía. De feito, todas as imaxes están captadas coa cámara do seu móbil, limitado polas circunstancias e sen tempo para enfocar nin encadrar.

O monfortino Tomás Rodríguez, bombeiro forestal e afeccionado á fotografía, nunca pensou que a súa obra puidese interesar a ninguén, nin moito menos que acabase exposta ao público. A el gústalle simplemente capturar “momentos.

Con todo, a súa peculiar e intimista visión dos lumes, de portas cara dentro, resulta interesante e ilustrativa, amosando que un incendio é moito máis que chamas e sirenas. “Un incendio son esperas, corta-lumes, ollar ao ceo na busca de sinais de chuvia, cansazo, impotencia, accidentes e compañeirismo”.

Esa é a realidade que Tomás mostra nestas fotografías, unha realidade á que dende hai anos se enfronta cos seus compañeiros, protagonistas tamén desta exposición.