Skip to main content
Chantada

Dúas catas serán as protagonistas do sábado na XLI Feira do Viño de Chantada

A XLI Feira do Viño de Chantada, que se celebra desde o 8 ao 10 de marzo, contará con dúas catas, a cata popular que se celebrará o sábado na carpa principal, en horario de 17.30 horas a 19.00 horas e a cata oficial que terá lugar o sábado na adega Castrofiz. A recollida de mostras para a cata oficial realizarase este venres, 8 de marzo, antes da apertura oficial da Feira.

Nesta edición participan 15 adegas: Adegas Amedo, Adega Castrofiz, Adegas Condado de Sequeiras, Adegas Pincelo, Adega Os Cipreses, Albarduxe, Adegas Sta. María de Nogueira, Cabo do Mundo, Calexotes, Enonatur, Instinto Romano, Pilares de Belesar, Adegas e Viñedos Lareu, Vía Romana Adegas e Viñedos e Adega Alouviño.

A cata, que organiza a Concellería de Cultura e Eventos de Chantada coa coordinación de Bruno Lovelle Fernández, celebrarase o sábado, 9 de marzo, a porta pechada, en horario de 10.30 horas a 14.00 horas e a adega Castrofiz, unha das participantes na Feira, acollerá a cata oficial.

Na cata participarán os viños elaborados por adegas rexistradas no rexistro da D.O. Ribeira Sacra da subzona de Chantada que se atopen en fase de comercialización e os viños que se presenten á cata oficial deberán estar presentes e á venda en cada unha das casetas da adega correspondente ao longo dos días da Feira.

O panel de cata estará formado por 8 expertos en análise sensorial, que comezarán valorando os viños novos para concluír cos viños envellecidos. Os mellores viños desta edición recibirán os recoñecementos de Medalla Vide Gran Ouro, Medalla Vide de Ouro e Medalla Vide de Prata.

Nesta edición, como novidade, a entrega de premios da cata oficial farase despois da lectura do pregón, que correrá por conta da escritora, Fina Casalderrey ás 13.00 horas do domingo. E previo ao pregón, ás 12.30 horas, Queiman e Pousa presentará en Chantada por primeira vez, un novo espectáculo de homenaxe aos viticultores “De pura Cepa”.