Skip to main content
Chantada

Aprázase a II edición do Festival de Charangas de Chantada ao 11 de maio pola metereoloxía

Por 28 Marzo, 2024Marzo 29th, 2024Sin comentarios

Chantada acolle o vindeiro 11 de maio o II Festival de Charangas despois de aprazarse do 30 de marzo como estaba previsto debido ás inclemencias metereolóxicas.

A cita, que comezou a celebrarse o ano pasado durante a Semana Santa, “foi todo un éxito, polo que este ano mantense”, como explica o concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez.

“O Festival xorde de conversas coa charanga local que propuxo este tipo de actividade. Comezamos o ano pasado e resultou moi ben. Decidimos facelo nestas datas porque moita xente visita Chantada e queriamos ofrecer unha proposta distinta para todo tipo de público, darlles alegría e festa a veciños e visitantes”.

O II Festival de Charangas comezará ás 12.30 horas co concerto de André Phmollo na rúa Leonardo Rodríguez. Xa pola tarde actuarán polas rúas da vila as charangas Bicoia, Fuego Street Band, Louband e a charanga local Unión Phenosa, que desenvolverán tamén concertos en diferentes escenarios ata ben entrada a noite.

Para contribuír a crear ese ambiente de festa en Chantada prográmanse outras actividades, como a deste sábado no Auditorio Municipal acolle a partir das 18.00 horas coa representación da obra de teatro ‘A cincenta non quería comer perdices’. Esta actividade está organizada por Argalleiras Teatro e Polamiúda.

Tamén este sábado ás 20.00 horas a Coral Polifónica de Chantada organiza na igrexa nova, parroquia de Santa Mariña, o concerto de música sacra.

Dentro dos actos litúrxicos da Semana Santa de Chantada destaca a Procesión dos Caladiños, que organiza no Venres Santo, a confraría Xesús Nazareno Virxe Dolorosa. Estas dúas imaxes saen ás 21.00 horas da igrexa nova para percorrer toda a contorna do casco vello de Chantada.

O silencio da procesión só se acompaña do toque de tambor da banda. Na Praza de Santa Ana, hai un encontro do Xesús Nazareno coa Virxe Dolorosa. Esta procesión retomouse no 2001, pero no arquivo parroquial hai datos dunha procesión semellante hai máis de dous séculos. Por falta de relevo xeracional foise perdendo e a mediados dos anos 60 deixou de celebrarse, aínda que seguiu habendo fervor polas imaxes, pero non saían en procesión.

Arturo Blanco, Confrade Maior asegura, cando o ano que vén celebran 25 anos, que “estamos moi contentos coa participación. Para levar as andas das imaxes e as propias imaxes que son de madeira de cedro, o peso é bastante importante e somos ao redor de 70 confrades, sempre é importante que haxa relevo que son ao redor de 3 horas de procesión, pero temos relevo e devoción. Despois deste ano, estaremos desexando celebrar o 25 aniversario”.