Skip to main content
Chantada

Por Chantada cre que se deben reforzar os mecanismos de control para que haxa máis transparencia

Por Chantada – Interior Galego considera moi preocupante o informe do Consello de Contas de Galicia no tocante á falta de transparencia e rendición de contas do Concello de Chantada.

Desde o partido din que o Consello de Contas non puido analizar os datos de Chantada “porque non remitiu absolutamente ningunha da información demandada polo ente galego”.

Así, analiza os últimos exercicios (2019-2020) e mostra para quen o queira ver cal é a xestión do Goberno local, pero este “non remitiu a relación de contratos, nin no 2019 nen no 2020, e temos un problema crónico de contratación á dedo e sen cumprir coa Lei de Contratos do Sector Público (LCSP)”.

Engaden que tampouco remitiron a información de control interno dos contratos nin no 2019 nin no 2020, “polo que se entende que esta non existe”. Ademais, no período analizado “houbo 112 reparos de intervención e máis de medio cento de omisións de fiscalización, é dicir, advertencias da Intervención municipal sobre o incumprimento dos procedementos e da lexislación. Desde a Alcaldía non se correxiron a maioría das deficiencias sinaladas a pesar das continuadas advertencias feitas polos voceiros da oposición”, critican.

Por todo isto, desde Por Chantada entenden que se “deben reforzar os mecanismos de control e sancionadores para as Administracións Públicas que incumpran a obriga de transparencia, rendición de contas e control interno xa que son portas abertas para o desfalco, o clientelismo e a corrupción que encetan e gangrenan a democracia”.