Skip to main content
Monforte

A Torre da Homenaxe de Monforte iluminarase de malva e proxectará o lema ‘Monforte pola igualdade’

O Concello de Monforte celebra este 8 de marzo os actos centrais arredor do 8M, Día internacional da Muller, na praza de España, onde terá lugar o acto central coa concentración e lectura do manifesto a cargo da concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López ás 12.00 horas.

A continuación, ben na praza de España ou ben no auditorio da Casa da Cultura, desenvolverase unha peza de danza-teatro que leva por título o lema do 8M deste ano Fiando na igualdade técese unha sociedade, a cargo da artista monfortina Merche Pérez.

Ao rematar esta peza, a artista lerá ante o público asistente o lema deste ano, e dará paso á participación no acto do alumando de Educación Primaria dos Centros Educativos de Monforte para que lean as frases elaboradas e traballadas nas aulas. Ao longo deste acto o Concello repartirá pulseiras serigrafiadas con frases en prol da Igualdade.

Pola tarde, das 19.30 horas ás 00.00 horas, iluminarase de cor malva e farase unha proxección dixital na Torre da Homenaxe co lema Monforte pola Igualdade, co obxectivo de impactar na poboación monfortina para que adquira conciencia e sensibilidade co motivo da conmemoración do 8M.

Espectáculo de Merche Pérez

A peza representará a artista monfortina Merche Pérez nace a partir do personaxe feminino da mitoloxía grega Cloto cuxo significado é a fiandeira que fía os fíos da vida.

Na peza, que terá unha duración de 10 minutos, verase unha muller cos seus pensamentos tecendo na escuridade o noso destino coas súas mans que danzan sutilmente entre a roca e o fuso para lembrar o que perdemos e logramos no pasado, o que se está a vivir no presente, e o que non se quere construír e vivir novamente.

Ela despréndese da escuridade para tecer redes de fíos dourados que nos abracen na igualdade entre mulleres e homes, deixando ao carón a violencia, a desigualdade, a invisibilidade, o odio, a competitividade.

A protagonista

Merche Pérez (Monforte de Lemos, 1975) é unha artista cunha traxectoria entre a danza, a música, a creación, o teatro, o audiovisual e a docencia. No 2012, no 1º Congreso Internacional de Danza de Vigo, leva o Premio Coreografía Destaque, e ese mesmo ano recibe unha mención especial pola súa interpretación no traballo de Nina no IV Premio Ibérico de Interpretación Marta Sieiro da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia (ESAD).

No 2016, o seu Traballo de Fin de Grao (TFG) 30 e tantos ósos, leva o Premio María Casares o Mellor Texto Orixinal e no 2017, o seu2º TFG, Política de Terra queimada, abre o plan de residencias do Centro Dramático Galego (CDG) en coprodución coa ESAD de Galicia, e é membro do Centro Dramático Nacional Laboratorio Rivas Cherif.

En 2018, a súa coreografía Las sin tinta, las sin pluma queda subcampioa no Certame Nacional de Danza Vive tu Sueño. No 2021 é artista seleccionada pola revista dixital MujertArt no3. No 2023 é a protagonista de Un hotel de primera sobre el río (CDG) e leva a cabo o proxecto Mundo Rural Mundo Cultural co apoio da Deputación de Lugo.