Skip to main content
Monforte

O PP de Monforte defende que seguirán traballando por que CRAEGA “decida quedarse en Monforte”

A voceira do PP de Monforte, Katy Varela, tilda as declaracións do alcalde sobre a decisión do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) de marchar ou non da cidade do Cabe “dunha gran irresponsabilidade”.

A popular considera que “Tomé está intentando ocultar á desesperada a súa ineficacia na xestión do goberno local por non ter sido capaz de ofrecer ao Consello Regulador as condicións para que permaneza na cidade, se finalmente como órgano independente decide instalarse noutro lugar. É lamentable que pretenda culpar a outros dos erros que comete. Dende o PP de Monforte non imos tolerar que siga sinalando á Xunta cando fai el algo que non está ben”.

Varela considera “incrible que diga que é culpa da Xunta de Galicia. Para nada é así. É máis, tanto o PP como a Consellería de Medio Rural poñémonos a disposición do alcalde e do Consello Regulador para colaborar e evitar o posible traslado na medida do posible”.

Katy Varela explica que “non podemos esquecer que son os seus membros os que deciden mediante votación en sesión plenaria”. É dicir, “a decisión será do Consello Regulador e non da Xunta nin de ningunha outra administración”.

“Dende o Partido Popular seguiremos pendentes deste asunto e traballando en consonancia co resto de administracións para ofrecer as mellores condicións para que o CRAEGA decida quedarse en Monforte”, explica Varela. Así, “cremos que o que ten que facer Tomé nestes momentos á poñerse a traballar e non botar as culpas aos demais”, conclúe a popular.