Skip to main content
Monforte

O Mercado Medieval de Monforte celébrase esta fin de semana para promocionar a Feira Medieval

Por 14 Marzo, 2024Marzo 26th, 2024Sin comentarios

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurará este sábado 16 de marzo ás 11.00 horas o Mercado para a Medieval na zona dos mercados da Praza de Abastos de Monforte, “un certame co que buscamos potenciar e promocionar a Feira Medieval, un evento turístico que trae unha gran afluencia de público e visitantes a Monforte durante a fin de semana da Semana Santa”.

Este ano 2024, a Feira Medieval alcanza a súa 20ª edición que se celebrará durante a fin de semana do 30 e 31 de marzo. Antes da inauguración oficial, no mesmo espazo da Praza de Abastos, o rexedor ofrecerá ás 11 horas unha rolda de prensa ós medios de comunicación para presentar o Programa oficial de actividades da Feira Medieval.

O Mercado para a Medieval é un preludio da Feira Medieval, polo que a súa temática xira arredor da preparación para dita Feira. Deste xeito, o Mercado contará coa presencia de 16 postos dedicados á venda de traxes medievais confeccionados a man para adultos e nenos, bixutería, complementos, salón de peiteado e maquillaxe… todo o necesario para “poder lucir o máis medievo posible” nesta nova edición da Feira Medieval.

Máis actividades

Ademais, poderanse observar diferentes exemplos de decoracións de mesas de terraza e comedor para hostalería. Presentaranse diferentes estilos decorativos para todo tipo de mesas e espazos, desde decoración de terrazas ata mesas de comedor con diferentes formatos e vaixelas.

Contarase tamén con profesionais do sector de eventos que poderán asesorar aos hostaleiros e hostaleiros en todo o referente á ambientación dos seus establecementos.

Durante a celebración do Mercado, proxectaranse, de maneira continuada, o vídeo oficial da Feira Medieval, que foi presentado o pasado luns 11 polo rexedor, e o vídeo O bo xantar, o cal dará a coñecer a proposta culinaria dos diferentes restaurantes da cidade para esta Feira Medieval.

Como en pasadas edicións, celebrarase o concurso de repostería e pastelaría A polo mellor doce, onde os visitantes poderán avaliar o mellor doce dos expostos durante o Mercado, votación da que resultará elixido un gañador.

O sábado día 16 organizarase o Desfile de Traxes Medievais e complementos, que terá lugar ás 18.30 horas con entrada libre ata completar o aforo do recinto expositivo do Mercado.