Skip to main content
Monforte

Monforte convoca o Concurso para determinar os atletas e clubs máis destacados de 2023

O Goberno local de Monforte convoca o Concurso para determinar os atletas e clubs máis destacados do ano 2023 que se organiza dende a Concellería de Deportes e que este ano alcanza a 9ª edición.

As bases do concurso foron aprobadas na Xunta de Goberno Local celebrada o pasado luns 11 de marzo, e recollen, entre outras, as categorías e prazos, o mellor deportista, masculino e feminino, absoluto do ano 2023; o mellor deportista promesa, masculino e feminino, do ano 2023; o mellor adestrador ou adestradora do ano 2023; o mellor árbitro/a ou xuíz/a do ano 2023; o mellor equipo de categoría de base do ano 2023, o mellor equipo de categoría absoluta do ano 2023, a mellor entidade deportiva na promoción do deporte do ano 2023 e o premio á deportividade e ó xogo limpo.

Establécese ademais unha categoría denominada “Excelencia Deportiva” que poderá conceder o xurado cualificador a aqueles/as candidatos/as que teñan un historial e uns méritos deportivos sobresaíntes.

A presentación de candidaturas poderán ser feitas polos propios candidatos ou por terceiras persoas e o número de candidaturas por cada propoñente non está limitado.

As solicitudes de inscrición deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Monforte dende o día seguinte á súa publicación na páxina web do Concello, sendo o derradeiro día para presentalas o 29 de marzo de 2024.

A listaxe das candidaturas publicarase cando remate o prazo de presentación de solicitudes e os vencedores e vencedoras de cada categoría daranse a coñecer na “Gala do Deporte monfortino” que se celebrará nunha data aínda por determinar. En cada unha das categorías haberá un único vencedor que recibirá un trofeo acreditativo. Os participantes non premiados recibirán un agasallo conmemorativo do concurso.