Skip to main content
Monforte

Monforte acolle unha charla sobre o programa ‘Vacacións en Paz’ da ONG SOGAPS

A ONG SOGAPS (Solidariedade Galega co Pobo Saharauí), que traballa na pretensión da mellora das condicións de vida tanto dos refuxiados saharauís coma da poboación residente no Sáhara Occidental ocupado por Marrocos, organiza unha charla informativa sobre o programa de acollida Vacacións en Paz o vindeiro sábado 16 ás 16.30 no Centro Cívico do Malecón de Monforte.

Esta charla será impartida pola presidenta de SOGAPS, Maite Isla, e contará coa participación do novo delegado saharauí para Galicia, Mahfri, quen explicarán os detalles do programa tanto para familias que xa participan del, así coma para familias ou persoas interesadas para esta edición 2024.

Vacacións en Paz é un proxecto de acollida temporal de nenas e menos saharauís durante os meses de xullo e agosto, que en Galicia leva a cabo SOGAPS a petición expresa do Goberno da República árabe Saharauí Democrática (RASD). Galicia vén participando nesta iniciativa solidaria dende o ano 1991, ofrecendo ás familias saharauís a posibilidade de que os seus fillos desfruten dunha estancia agradable, humana e culturalmente rica, baixo a supervisión e coidados das familias acolledoras galegas.

O obxectivo xeral da iniciativa é trasladar a nenas e nenos saharauís, procedentes dos campamentos de refuxiados saharauís en Tindouf (Arxelia), para pasar dous meses do verán acollidos por familias galegas.

Nesta iniciativa participarán familias de acollida de toda a provincia, así coma familias ou persoas atraídas pola solidariedade do proxecto. Comeza, por tanto, unha nova etapa para o sur da provincia de Lugo que contará con maior número de actividades solidarias unha vez reforzada a estrutura de SOGAPS Lugo coa incorporación de persoas da zona que contará ca colaboración do Concello de Monforte para vindeiras actividades, un compromiso que SOGAPS quere agradecer pois supón unha nova etapa de colaboración que, se dúbida, demostra o compromiso solidario que sempre amosou tanto o Concello coma o sur da provincia.