Skip to main content
Monforte

Convocado o XIX Concurso de deseño de carteis das Festas Patronais de Monforte 2024

O alcalde do Concello de Monforte, José Tomé Roca, vén de anunciar a convocatoria do XIX Concurso de deseño de carteis das Festas Patronais 2024 co fin de escoller o cartel anunciador para o presente ano 2024 de ditas festas patronais.

Deste xeito, o rexedor monfortino segue dando a coñecer a organización dos principais eventos do calendario anual do Concello, e con esta convocatoria, inicia a folla de ruta das que serán as Festas Patronais de 2024 do mes de agosto.

O prazo para presentar os deseños orixinais ábrese ata o 3 de maio de 2024 e aqueles interesados en concursar neste certame terán que facelo con obras de creación propia, orixinais e inéditas. A técnica e o formato será libre sempre que sexa apta para a reprodución mediante cuatricromía.

Como presentar o deseño do cartel

Os deseños deberán incluír o texto “MONFORTE DE LEMOS FESTAS PATRONAIS do 11 ó 16 de agosto 2024”, distribuído do xeito que escolla o autor ou a autora.

As obras non levarán o nome do autor ou autora de maneira visible e presentaranse nun sobre asinado con pseudónimo, debendo acompañar noutro sobre pechado todos os datos persoais do autor: nome, enderezo postal completo, teléfono e enderezo de correo electrónico.

Establécese un único premio que será o cartel anunciador e a portada do programa das Festas 2024 e dótase cunha cantidade de 1.000 euros, impostos incluídos. O cartel que reciba o premio quedará en poder do Concello de Monforte de Lemos.

A propiedade intelectual do traballo gañador corresponderá ao autor ou autora, pero a concesión do premio levará consigo sobre o traballo gañador a cesión exclusiva e gratuíta en favor do Concello de Monforte de todos os dereitos de reprodución, distribución, comunicación pública e transformación por calquera modalidade, medio ou formato, incluídos os audiovisuais, os informáticos, os multimedia e os telemáticos.

Do mesmo xeito, o Concello de Monforte quedará autorizado expresamente para divulgar o traballo gañador na forma e polos medios que considere máis oportunos e poderá exercer os seus dereitos sobre un fragmento ou parte do traballo, podendo adaptalo se fose necesario.

O gañador ou gañadora do concurso entregará tamén unha copia do cartel en formato dixital e incluirá os diferentes logotipos facilitados polo Concello de Monforte, e se é o caso das entidades patrocinadoras.

Exposición dos carteis

O cartel gañador e unha selección dos mellores traballos presentados, selección realizada polo xurado, quedarán temporalmente en poder da Delegación Municipal de Cultura para realizar unha exposición na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro.

Unha vez rematada a exposición serán devoltos aqueles que sexan solicitados polos seus autores, que se responsabilizarán totalmente de que non existan dereitos a terceiros nas obras presentadas.

O xurado do concurso estará composto polo presidente, vogais e o secretario e a decisión farase pública o luns 13 de maio de 2024. A súa interpretación corresponde exclusivamente ao xurado, o cal poderá deixar deserto o premio establecido. En caso de empate decidirá o voto de calidade do presidente do xurado.

“Dende o Concello animamos a todos os artistas a participar nesta convocatoria, para que nos axuden a acadar un bo cartel para as nosas Festas Patronais, que anime a todo o mundo a achegarse no mes de agosto a disfrutar delas, ensalzando así un evento que é moi importante para a nosa sociedade e para os nosos sectores económicos”, concluíu José Tomé.