Skip to main content
Pantón

Pantón acolle un obradoiro de scrapbooking todos os luns a partir do 1 de abril

O 1 de abril comeza no centro sociocultural de Pantón un obradoiro de scrapbooking, técnica utilizada en manualidades para personalizar álbumes, libros ou tarxetas e terá lugar todos os luns en horario de 18.00 a 20.00 horas.

A actividade estará impartida por Ebe Baudino, arxentina que desde hai ano e medio está afincada en Frontón de Pantón: “Coñecín Pantón hai anos e miña parella e máis eu namorámonos de Galicia, compramos a casa porque gustábanos estar preto do Miño”.

Ebe Baudino coñeceu o scrapbooking a través dun taller que se desenvolvía nunha exposición de artesanías: “Quedeime mirando o que estaban facendo neste taller e xa non me puiden ir, atrapoume”.

Agora xa son 6 anos practicando esta técnica e decide, por primeira vez, convertilo nun Obradoiro para que a coñezan outras persoas: “Apórtame moita calma porque cando estás facendo as pezas estás concentrada niso. Unha vez que aprendes as técnicas básicas podes crear o que a ti se che ocurra. Todo o que fai un sempre é distinto, depende do papel, do estado de ánimo,…nunca se fan dúas cousas iguais”.

O obradoiro ten un prezo de 25 euros ao mes, co que as persoas participantes ademais de formarse nesta técnica, recibirán todo o material necesario para a súa práctica, cintas, botóns, cordóns, flores secas, purpurina…

A actividade plantéxase para todas as persoas interesadas, desde a adolescencia en adiante. Para participar é necesario inscribirse no contacto da monitora: 667 41 11 07 e Ebe Baudino anima a que a xente coñeza en Instagram, a través da conta @abrazartescrap, o tipo de creacións que vai poder elaborar, “é posible que ao comezo non se anime moita xente porque non saben o que é isto, pero a medida que comecemos e se fale da experiencia, seguro que se suma xente”.