Skip to main content
Quiroga

Zeltia Mateo gaña o primeiro concurso de deseño do cartel da XLII Feira do Viño de Quiroga

A quiroguesa Zeltia Mateo Fernández foi a gañadora do primeiro concurso do cartel da XLII Feira do Viño de Quiroga co co lema Terra de viño.

Nas bases do concurso pedíase que os carteis aludiran ao espírito da feira facendo especial fincapé no mundo do viño e no patrimonio e cultura de Quiroga; e o xurado, composto por un deseñador gráfico, unha técnica en imaxe e encargados do departamento de cultura e turismo; entendeu que o cartel de Zeltia no que destaca a imaxe do Túnel Romano de Montefurado, así o facía. Por iso, esta obra da enxeñería romana foi o lugar escollido para facer a presentación.

O alcalde de Quiroga, José Luis Rivera; acompañado da práctica totalidade do Grupo de Goberno; xunto coa artista presentaron o cartel que se utilizará para anunciar a XLII Feira do Viño de Quiroga.

A elección do cartel

Unha vintena de carteis presentáronse a este primeiro concurso, no que destacou a alta participación local co IES de Quiroga á cabeza e tamén a participación feminina xa que o 85 % dos presentados estaban asinados por unha muller. A temática dos traballos foi moi variada así como a técnica empregada.

Zeltia utilizou maquillaxe, a mesma que utiliza nos seus traballos. Zeltia Mateo, gañadora dos 300 euros do premio é perruqueira a domicilio pero é ben coñecida polos impresionantes traballos de maquillaxe de efectos especiais que fai sobre ela mesma e que xa traspasan fronteiras. E con esta maquillaxe foi coa que elaborou o cartel gañador do concurso.

Esta moza é ademais das persoas que viven con intensidade esta feira na que leva participando toda a súa vida e que como ela mesmo recoñece “cando acaba unha feira xa estou pensando na do ano seguinte”.