Skip to main content
Quiroga

Queda aprobado o expediente de contratación para a prestación do SAF en Quiroga

Por 9 Marzo, 2024Marzo 10th, 2024Sin comentarios

O Concello de Quiroga vén de aprobar en Pleno Ordinario do 1 de marzo de 2024 o expediente de contratación, mediante procedemento aberto urxente, relativo á adxudicación do contrato para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Así mesmo, tamén se aprobaron os Pregos de Cláusulas Económico-Administrativas e de Prescricións Técnicas que rexerán o contrato por dous anos para o futuro contratista.

A aprobación alcanzouse con tres votos a favor de IxQ (Independentes Por Quiroga), dous do Partido Socialista de Quiroga e un do BNG de Quiroga, mentres que o Partido Popular de Quiroga votou en contra cos seus cinco concelleiros.

Os devanditos Pregos, en comparación cos que rexeron para a contratación anterior (2021-2023), supoñen un aumento de 348 horas ao mes para atender a usuarios en modalidade de ‘Dependencia’, e garantirán ás auxiliares do Servizo de Axuda no Fogar recibir como complemento por desprazamentos co seu propio vehículo 0,24 euros por quilómetro.

Dende o Concello de Quiroga din que “queremos blindar que a empresa adxudicataria compense ao persoal laboral, como mínimo, con ese importe, cantidade que se axusta á aplicación do IPC real á cantidade por quilómetro establecida no Convenio Colectivo vixente para a Actividade de Axuda a Domicilio en Galicia (DOG 16/02/2010 e 21/11/2012) que é de 0,18  euros”.

Denominan este feito como un “esforzo para as deficitarias arcas municipais”

Ademais, din que dende o equipo de Goberno e a Área de Servizos Sociais “lembramos que o novo expediente de contratación sairá a licitación polo importe de 1.408.661,28 euros, o que supón un incremento de 391.813,92 euros no orzamento municipal en comparación co expediente de contratación anterior. Un esforzo moi grande para as deficitarias arcas municipais que vén de herdar o novo Goberno Municipal”.

Así mesmo, sinalan que o aumento de dotación económica nos Pregos de Cláusulas Económico-Administrativas está xustificado para dar cobertura ao aumento de custos do Servizo de Axuda no Fogar, para asumir o aumento de horas para Dependencia que lle concedeu a Xunta de Galicia ao Concello e que servirán para rebaixar as listas de espera dos usuarios, e tamén para aplicar melloras para as auxiliares do servizo como é, por exemplo, a quilometraxe.

Para rematar, desde o equipo de Goberno comunican ás traballadoras que os pregos de condicións para a contratación están supervisados por técnicos, contrastados con outros análogos, e revisados para aplicar melloras que repercutan no servizo.