Skip to main content
Quiroga

O restaurador Francisco Naranjo acometerá os traballos de restauración da Virxe dos Remedios da Ermida de Quiroga

O proceso de restauración da Virxe dos Remedios da Ermida de Quiroga xa está en marcha, xa que o restaurador Francisco Naranjo se encargará de limpar a imaxe e facer un novo soporte para a súa exposición, así como do deseño da nova coroa que lucirá a Virxe e o Neno tras a canonización. Todos estes procesos forman parte do proxecto de coroación canónica desta imaxe venerada dende fai séculos na parroquia da Ermida.

A imaxe da Virxe, que se venera coa advocación dos Remedios, agocha baixo a túnica e do amplo manto co que está revestida unha imaxe de alabastro medieval de orixe inglesa. O único á vista dos fregueses é a cabeza e unhas mans que van cosidas á túnica. Esta peza de alabastro é unha escultura de principios do século XV que conserva pálidos restos de policromía.

Esta imaxe mide 45 centímetros de altura polo que se construíu unha base para darlle altura e un soporte para colocarlle unha dobre coroa. A delicadeza do alabastro propiciou que ao metela nas andas para saír en procesión deteriorara a imaxe, polo que se creará un novo soporte que posibilite a súa exposición, á vez que permita poñer a coroa e o manto sen tocar a peza.

Os traballos de limpeza non serán moi longos e a creación do soporte alongarase máis, porque será preciso crear unha réplica que permita traballar na súa creación para que unha vez rematado se coloque nel a imaxe orixinal.

Para Francisco Naranjo traballar nesta peza resulta interesante e moi motivador, xa que ata o de agora, os seus traballos centráronse sobre todo en pezas de época barroca, posto que en Andalucía as pezas románicas ou góticas son practicamente inexistentes.