Skip to main content
Sarria

O Goberno local de Sarria intentará aprobar no pleno uns orzamentos de 14,5 millóns de euros

Por 20 Marzo, 2024Marzo 21st, 2024Sin comentarios

Camiña Sarria vén de elaborar unha proposta de orzamento para o ano 2024 que sobe ata os 14.496.336 euros despois de non saír aprobados os orzamentos do ano 2023 que eran de 13,3 millóns de euros.

Así, estes orzamentos son de máis dun millón de euros de incremento con respecto aos propostos no 2023 e de máis de 2,3 millóns con respecto aos últimos aprobados no ano 2022.

Neste caso, os orzamentos contemplan 7.760.657 euros, a metade do presuposto, para os gastos correntes e de servizos do Concello e 5.173.692 euros irán destinados a gastos de persoal, tendo en conta a RPT do Concello e a residencia de maiores. Ademais, outros 615.309 euros serán para financiar investimentos.

Pola súa parte, a maior parte dos ingresos procederán das transferencias correntes cun valor de 5,5 millóns de euros, dos impostos directos, cos que se recadarán arredor de 4,4 millóns de euros, das taxas e prezos públicos, sobre 3,6 millóns de euros, e dos impostos indirectos, que serán de 312.531 euros.

O alcalde, Claudio Garrido, sostén que estes orzamentos están feitos con “responsabilidade” e sendo “realistas”, destacando a inversión na residencia de maiores, lembrando que só o Concello de Sarria financia este servizo, así como o Servizo de Axuda no Fogar.

E tamén destacou o apartado dedicado a medio rural, no que se acometerán traballos para mellorar as estradas e o abastecemento da auga.