Skip to main content
Deportes TERRACHÁXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

“O obxectivo é traballar amodo, aos poucos, e que haxa calidade”

Por 3 Marzo, 2024Marzo 4th, 2024Sin comentarios

Xisco Fuentes dirixe a nova escola de tenis do Club de Campo de Bonxe.

Como xurde esta nova escola de Tenis?

A escola xa estaba creada, o club de campo de Bonxe creouse no ano 1970 grazas a uns empresarios da zona de Lugo. Foi moi ben e fóronse creando diferentes áreas dentro do club como piscinas, pistas de tenis ou o campo de fútbol. A nivel de tenis chegou a ser un dos clubs máis prestixiosos grazas a Cayetano Burrieza que foi o expresidente ata 2017 e levouno ao máximo nivel. Deste club saíron algúns dos mellores tenistas galegos que chegaron a estar entre o numero cento e algo de España. Eu son de Mallorca, sempre estiven vinculado ao mundo do tenis e xoguei dende pequeno e a raíz dunha serie de lesións saíume a oportunidade de estudar e aprender para converterme en profesor. Saqueime a titulación no Club Tenis Global de Mallorca e tamén estiven a adestrar na Rafa Real Academy onde tiven a honra de ter un proxecto chamado Special Olimpics para mozos con Síndrome de Down e con diferentes problemas de mobilidade. Xunto con isto tamén estiven traballando nun club de tenis familiar en Manacor.

Que vinculación ten con Galicia?

A familia da miña muller é galega, gústanos moito o norte e a vida é tranquila xa que en Mallorca o nivel de vida é alto e estresante e pensamos que sería un bo momento de probar. Os traballos acompañaron e saíu a oportunidade deste club xa que desde a directiva estaban a buscar unha persoa que levase a área técnica e un pouco as xestións do club e da escola de tenis.

Con cantos alumnos conta na actualidade a escola de tenis?

Actualmente hai trece alumnos, comezamos o 15 de xaneiro a adestrar e estamos tendo moi boa aceptación. Temos alumnos de moitas idades, dende os cinco anos ata case sesenta. Estamos abertos e todo o mundo ten unha proba gratuíta para que veña a coñecernos. Contamos cunha pista cuberta para facilitar os adestramentos os días de choiva e a idade mínima para empezar son os tres anos.

Cales son os obxectivos a curto e medio prazo?

Os nosos obxectivos son formar unha escola de ensino básico traballando cun tipo de ensinanza de grupos reducidos, para ter unha boa dinámica e unha boa formación. Non buscamos cantidade senón que o obxectivo é traballar amodo, aos poucos, e que haxa calidade, bos adestramentos e que a xente estea a gusto.

E a longo prazo?

A min gustaríame que este proxecto fose unha escola de tenis en Lugo referente e recoñecida, e que a xente soubese que aquí se ensina bo tenis. Unido sempre a uns valores, cunha filosofía de educación, de benestar e de respecto para ter un bo ambiente.

Que días realizan adestramentos?

Nós ofertamos de luns a venres, mañás e tardes e os sábados pola mañá. Agora mesmo temos un grupo de mulleres que vén polas mañás, dous grupos de mozos de diferente nivel que veñen dous días. No caso de que alguén estea interesado e durante a semana non poida pois tamén sería posible realizar o adestramento o sábado pola mañá.

Cales son os proxectos de futuro?

O principal proxecto dende o club é ir mellorando as instalacións, que se irá facendo pouco a pouco. E de cara ao verán gustaríanos ofertar un campus.

Que é o máis difícil de dar comezo a un proxecto destas características?

Mallorca nestes momentos é o centro de referencia de Europa no tenis, tanto pola Rafa Nadal Academy como por outros clubs e claro a diferenza entre unha comunidade e outra a este respecto é moi grande. Tamén o clima que algunhas veces non axuda, moita xente practica deportes de interior e nós o que queremos é fomentar outra vez o tenis e que colla forza.