Skip to main content
As Pontes

Cohempo arranca a campaña solidaria con Elena, unha pequena con síndrome de Rett

Por 2 Marzo, 2024Sin comentarios

Coincidindo co Día mundial das enfermidades raras a asociación de comerciantes pontesa Cohempo deu comezo a campaña solidaria Unid@s por Elena co fin de axudar a dar visibilidade a esta enfermidade e colaborar coa súa investigación.

Neste día, tratarase de dar visibilidade ao Síndrome de Rett, unha enfermidade que padece a veciña das Pontes Elena, de 3 anos. Trátase dunha enfermidade rara causada por unha mutación no xene Mecp2 ligado ao cromosoma X. Un trastorno xenético neurolóxico e de desenvolvemento que provoca a perda progresiva das capacidades motoras e da fala.

A Campaña Solidaria ten o obxectivo de recadar fondos que irán destinados á Asociación Nacional De Investigación A miña Princesa Rett, asociación á que pertence a pequena Elena.

Para iso colocarase unha hucha nunha gran parte dos establecementos asociados a Cohempo, un total de 78 negocios participantes. Os socios participantes na campaña estarán identificados cun cartel.

Calquera persoa interesada en colaborar coa investigación desta enfermidade poderá facelo facendo uso das huchas habilitadas para tal fin ata o 31 de xullo.