Skip to main content
As Pontes

O Pleno das Pontes acorda a demanda de axudas pola perda de ingresos co peche da central

Por 7 Marzo, 2024Marzo 8th, 2024Sin comentarios

O Pleno das Pontes aprobou onte por unanimidade unha moción do BNG na que se acorda pedir ao Goberno central compensacións económicas pola perda da recadación municipal co peche da central de Endesa.

Os tres partidos están de acordo con esta petición xa que as perdas serán moi importantes polo que requiren medidas de transición sobre todo porque durante 6 anos, os terreos seguirán ocupados para o desmantelamento. Faltou acordo entre eles sobre o futuro dos terreos, entre os que se apostan por unha zona de lecer e os que apostan porque sexa solo industrial.

Esta iniciativa forma parte dunha serie de iniciativas e preguntas anunciadas por Néstor Rego para demandar do goberno do Estado, nomeadamente do Ministerio de Facenda, o inicio de negociacións cos concellos afectados polo peche de centrais térmicas de carbón, como As Pontes e Cerceda en Galicia, e a posterior aplicación, de forma urxente, dun mecanismo de compensación pola perda de ingresos municipais, cando menos polo Imposto de Actividades Económicas (IAE) e polo de Bens Inmóbeis de Características Especiais (Ibibices ou contribución), derivada do peche anticipado, non planificado, e por causas políticas; a demanda fundaméntase na defensa do principio de suficiencia financeira das entidades locais, garantido pola lexislación.

A proposta toma como referencia as consecuencias nas Pontes, xa estabelecidas en marzo de 2021 no estudo elaborado por unha equipa de investigación da Universidade da Coruña, do que forma parte o ex-Presidente da Xunta o socialista Fernando González Laxe, no que, baixo o título de Impacto Socioeconómico nas Pontes da Descarbonización Enerxética, concretan en case que 1.500 os postos de traballo destruídos, un aumento do desemprego local de máis do 250%, unhas perdas salariais de 34 millóns de euros anuais, e outros 33 millóns ao ano de perdas en rendas da propiedade e da empresa.

Dende o punto de vista dos ingresos do Concello, un informe técnico municipal fixa nun 42% a baixada no IAE, nuns 670.000 euros anuais, cantidade que vai en función do número de grupos da Central dispoñíbeis, polo que a metade deixou de pagala Endesa xa en 2021. Pero a cantidade máis importante é a da contribución, que supón uns 2 millóns de euros anuais, que Endesa deixa de ingresar ao ano seguinte do que figure na acta de peche, segundo indicacións da Dirección Xeral do Catastro, dependente do Ministerio de Facenda; chama a atención o feito de que dito criterio sexa moi favorábel para Endesa en prexuízo da administración pública municipal e, polo tanto, dos intereses veciñais, xa que, de terse escollido como referencia o remate do desmantelamento e a dispoñibilidade do solo para outro uso, o Concello mantería o ingreso entre 5 e 7 anos máis. É dicir, uns 10- 14 millóns de euros de aforro para Endesa e de perdas para As Pontes.

O Pleno tamén aprobou outra moción do BNG na que se pedía a ampliación de prazas ata o total autorizado no centro de día.

Esta instalación  conta con 30 prazas autorizadas das cales só 16 están dispoñibles, subliña o BNG. Ademais, a última licitación “non cumpre co aumento gradual previsto para a súa total cobertura nin atende ás necesidades e demandas da poboación pontesa”, din.