Skip to main content
RiotortoRiotorto AMARIÑAXA

O BNG denuncia que Riotorto estará sen médico ata o 1 de abril

Por 25 Marzo, 2024Sin comentarios

O BNG denuncia que “o centro de saúde de Riotorto non contará con atención médica ata o vindeiro 1 de abril”.

O grupo municipal advirte que se trata dunha situación” “que se repite periodicamente ao non cubrirse as baixas ou vacacións do único médico de familia que atende o centro de saúde desde hai dous anos” e que “afonda no deterioro da atención primaria no concello desde que o Partido Popular suprimiu, de facto, unha das dúas prazas de medicina familiar coas que conta o centro de saúde”.

As nacionalistas critican a “inacción e o silencio do goberno municipal” que “colabora co desmantelamento do sistema sanitario público en lugar de defender o dereito das veciñas e veciños de Riotorto a unha atención sanitaria no seu concello”.

O BNG lamenta tamén “a falta de información á veciñanza xa que nin o Sergas nin o Concello comunican a falta de médicos, provocando que as persoas que acoden ao centro de saúde sen cita, se atopen alí sen a atención que precisan”.