Skip to main content
Vilalba

O Concello de Vilalba xestionará nos colexios servizos que afectan a 200 familias

Por 2 Marzo, 2024Marzo 3rd, 2024Sin comentarios

O Concello de Vilalba planifica xa o curso escolar 2024/25, no que xestionará diferentes servizos dos que se benefician preto de 200 familias da vila.

“Os concellos non temos competencias directas en materia de educación e asumimos servizos que debería xestionar a Xunta, pero coñecemos de primeira man as demandas das familias e queremos impulsar tamén a conciliación”, explica a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.

O concello asumiu no verán de 2021 a xestión do servizo de Madrugadores nos centros de Educación Infantil e Primaria de Vilalba, cun investimento por curso duns 20.000 euros e 60 prazas, que permiten que as nais e os pais poidan chegar aos seus postos de traballo.

Tamén é de xestión municipal o comedor da Escola de Educación Infantil, que este curso ofreceu 68 prazas en dúas quendas para nenos e nenas de 3 a 6 anos. O investimento por parte do concello supera os 81.000 euros neste curso.
Ademais, o concello xestiona a escola infantil municipal, con 42 prazas este curso. Os orzamentos municipais de 2024 destinan unha partida de case 200.000 euros a este servizo.

A estes servizos, que supoñen un gasto total por curso para o concello de 300.000 euros, unirase o novo Punto de Atención á Infancia (PAI), para o que o concello obtivo a finais de 2023 unha subvención de 123.707 euros. Dará servizo a 20 nenos e nenas de 0 a 3 anos e as súas familias.

A subvención chegou despois de meses de xestións por parte da alcaldesa, Marta Rouco, apoiando ademais as demandas dos pais e nais dos nenos e nenas que quedaron sen praza neste curso nas escolas infantís da vila.

Rouco mantivo varias reunións coas familias e coa Xunta “para solicitar á consellería o incremento das prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos en Vilalba, que é unha competencia autonómica, pero o goberno galego díxonos que a día de hoxe a única solución pasaba por solicitar a subvención para o PAI”, apunta.

“É unha boa nova que a Xunta de Galicia apoie o comezo deste novo servizo, pero hai que ter en conta que a subvención chegará para facer as obras de construción do PAI e que debe ser o concello o que asuma despois a xestión e o mantemento”, sostén a alcaldesa.

“Temos que atender a crecente demanda das familias e da comunidade educativa de Vilalba”, remata Marta Rouco, lembrando que “os concellos non temos capacidade para asumir sempre competencias que non son nosas”.

Á marxe destes servizos, o Concello de Vilalba destina 70.000 euros por curso ao convenio co Consorcio Galego de Benestar por ter unha escola infantil Galiña Azul en Vilalba, e asume o custo da limpeza e a conserxería de todos os centros, nos que tamén realiza as tarefas de mantemento. Destina por outra parte todos os cursos unha partida de 15.000 euros a axudas para material escolar.