Skip to main content
Vilalba

O Iescha organiza unha ruta cultural polo Carballiño

Por 17 Marzo, 2024Sin comentarios

O Iescha organiza a IX Ruta Cultural polas terras do Carballiño, prevista para o domingo 7 de abril e para a que contarán co acompañamento de Felipe Senén, arqueólogo e escritor, nado en O Carballiño.

A saída será desde Vilalba, dende a Casa da Cultura, ás 9:00 horas. A continuación, viaxe Vilalba – O Carballiño con breve parada técnica na vila do Carballiño, para deseguido visitar o Castro e o Museo de San Cibrao das Las, en San Amaro.

De volta ao Carballiño, terá lugar o xantar no Restaurante Derby, sobre as 14.00 horas. O menú será a base de entrantes ao centro da mesa, con empanada caseira e polbo, seguido de carne ao caldeiro e brazo de xitano caseiro de sobremesa; con viño, gaseosa, auga e café .

Pola tarde, farase visita a Moldes e Pazos de Arenteiro, en Boborás, espazos vencellados a vida de Lousada Diéguez e Chamoso… paisaxes e historias dos ribeiros do Avia e do Arenteiro.

Finalmente realizarase visita ao templo da Veracruz do Carballiño, obra do arquitecto Antonio Palacios. Rematada a visita, regresaremos a Vilalba.

A cuota que haberá que pagar será de 30 euros por adulto. Os menores, acompañados, aboarán a cantidade de 5 euros. No prezo vai incluída a comida e o autobús (e posibles entradas).

Os interesados poderán apuntarse ata o mércores 3 de abril, como data tope improrrogable, ben enviando unha mensaxe á conta de correo electrónico do Iescha, estudoschairegos@gmail.com, ben contactando persoalmente ou por teléfono con calquera membro da súa Xunta Directiva, facendo constar, de ser o caso, calquera circunstancia que se considere oportuno sinalar.