Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca RIBEIRASACRAXAMonterrosoVilalba

Dez pediatras incorporaranse antes do 18 aos centros de saúde e hospitais da provincia

Por 20 Marzo, 2024Marzo 21st, 2024Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia pblicou a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, pola que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo do Sergas e á adxudicación de destino definitivo, aos aspirantes seleccionados no proceso selectivo convocado pola Resolución do 11 de maio de 2023, polo sistema de concurso, para o ingreso nas categorías de facultativo especialista de área na especialidade de pediatría​ e as súas áreas específicas e pediatra de atención primaria.

Ofertáronse neste proceso selectivo 60 prazas para pediatras de atención primaria e 12 para pediatras de hospitais comarcais. Cubríronse todas as prazas ofertadas, agás na categoría de pediatra de atención primaria as de Cervo e Viveiro, na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.

Así incorpóranse na área sanitaria luguesa en centros de saúde de Chantada, para Quiroga-Escairón-A Pobra de Brollón-Bóveda, Mondoñedo, Viveiro, Monterroso e 2 de Vilalba. No relativo a centros hospitalarios incorporaranse dous pediatras no Hospital da Mariña e un no de Monforte.

A resolución de convocatoria deste proceso de estabilización realizouse en execución da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario.

Coa finalidade de garantir a continuidade asistencial e a calidade, a eficacia e a eficiencia dos servizos en prol de impulsar a incorporación urxente, estable e permanente de persoal aos postos de difícil cobertura, resolveuse este proceso selectivo en menos de 10 meses. O acceso sen proba de exame resultou da baremación de méritos de experiencia, formación académica e continuada, publicacións, entre outras.

Os aspirantes nomeados disporán do prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación da Resolución no DOG, para incorporarse á praza adxudicada. O prazo finaliza o 18 de abril de 2024.

Na convocatoria se establece un procedemento que permite que, no suposto de non incorporación ao servizo activo no destino adxudicado e no prazo establecido dalgún aspirante seleccionado, a Administración sanitaria poida seleccionar a novos aspirantes, atendendo á puntuación que resulte da lista definitiva do proceso entre aqueles aspirantes que teñan elixido os destinos non adxudicados.