Skip to main content
Xermade

O PP de Xermade pide máis control nas obras da depuradora de Momán

Por 22 Marzo, 2024Sin comentarios

O PP de Xermade esixe ao goberno local máis precaución e control á hora de acometer obras. Os populares critican “as malas formas e a falta de planificación para a execución das actuacións para a instalación da nova depuradora en Momán” porque “poden supoñer a inutilización da fonte do Mariñeiro, un manancial de auga potable con sona de uso por parte dos veciños ao que non se pode acceder e, moito menos, empregar para aproveitar a auga”.

O portavoz, Antonio Riveira, sinala que “esta fonte está afectada por arrastres de pedras, terra e vexetación que se foi desprazando dende a zona das obras; ademais de restos de verteduras”. Nese sentido, os populares esixen ao goberno local “velar polo cumprimento da legalidade e o respecto ao medio ambiente”.

O popular tamén esixe “respecto” á ocupación de terreos privados tras ter coñecemento dunha denuncia por parte dun particular afectado por estas obras. “Isto é outra mostra de como fan as cousas dende este goberno municipal que se preocupa por nada”, segundo manifesta Riveira.

Os populares piden ao goberno socialista que evite a contaminación do río, das zonas próximas á nova depuradora e que, unha vez instalada a nova depuradora, se realicen traballos de recuperación do entorno do río Momán e, máis concretamente, da fonte do Mariñeiro.