Skip to main content
Xermade

Xermade contará cunha Casa da Veciñanza en Roupar como centro para maiores

Por 23 Marzo, 2024Marzo 24th, 2024Sin comentarios

O presidente da Deputación asinou co alcalde xermadés un convenio de colaboración a través do cal a institución provincial achega 25.000 euros á entidade local para acometer a reformulación do proxecto técnico co fin de poder concorrer a axudas públicas para materializalo.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, asinaron no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración co obxectivo de converter a Casa da Veciñanza de Roupar nun centro de prestación de servizos para as persoas maiores. A institución provincial achega á entidade local 25.000 euros para financiar os gastos derivados dos traballos necesarios para a reformulación do proxecto técnico co fin de poder concorrer a axudas públicas para materializalo.

A Deputación xa asinou con anterioridade un convenio de colaboración coa Universidade da Coruña para a realización desta proposta que se artellou en torno ás edificacións da Casa Reitoral e da Casa Habanera de Roupar e que contou coa estreita colaboración da Asociación de Veciños deste núcleo e do Concello. Unha iniciativa de carácter experimental co propósito de crear un Centro de Día e un modelo de vivendas comunitarias con servizos asistenciais, actividade sociocultural e recursos que é replicable a outros lugares da provincia e de Galicia.

José Tomé sinalou que este traballo froito da colaboración conxunta entre o movemento asociativo, a Universidade pública e as institucións, e que recibe a denominación de Casa da Veciñanza, “busca o envellecemento activo e favorecer que as persoas maiores se poidan quedar a vivir na súa localidade ou zona de residencia contando cos recursos axeitados para poder facelo, o que axuda a fixar poboación”.

Así mesmo, explicou que as políticas sociais son unha prioridade para a institución provincial, que dedica a este eido máis dun terzo do total dos orzamentos, “contamos cun amplo sistema de protección social do que forman parte unha rede propia de centros públicos de atención a persoas maiores; a colaboración económica cos concellos da provincia para que poidan prestar o Servizo de Axuda no Fogar e o servizo de teleasistencia domiciliaria as 24 horas do día totalmente gratuíto para os usuarios e usuarias”.

Pola súa banda, o alcalde de Xermade agradeceu o apoio económico da Deputación para un proxecto, dixo, “que será de vital importancia porque responde ás necesidades reais dos nosos maiores, nun concello rural como é Xermade cun alto índice de poboación de envellecemento, pois conta con 600 habitantes censados maiores de 65 anos”.