Skip to main content
Barreiros

Barreiros conmemora o Día do Libro coa estrea da primeira biblioteca libre do municipio

Por 23 Abril, 2024Sin comentarios

O día 23 de abril celébrase o Día do Libro e Barreiros ofrece propostas para todos os públicos. Este martes, día 23 de abril, o alumando do CEIP de San Cosme visita a Biblioteca Pública Municipal de Barreiros para coñecer de primeira man como funciona unha biblioteca e participar na creación dun mural.

Ademais, instalarán na Praza do Souto, en San Miguel de Reinante, unha caseta coa que se creará a primeira biblioteca libre de Barreiros que conterá máis de 50 libros en libre circulación. Ao longo da mañá, o alumnado do CEIP San Miguel de Reinante, visitará a Praza do Souto e coñecerá esta forma de intercambio de libros coñecida popularmente como “bookcrossing”.

O venres 26 de abril, a partir das 20.00 horas, terá lugar na Biblioteca Pública Municipal a presentación do libro Os do mar de Paco Paz. Un thriller cheo de realismo máxico, ambientado na Mariña Lucense co que debuta na novela este guionista, xornalista, documentalista e director de curtametraxes.

Para pechar este programa de actividades, o domingo 28 ás 18.30 horas na Biblioteca Pública Municipal de Barreiros terá lugar un obradoiro artístico na que as nenas e nenos coñecerán novas formas de comunicación a través das imaxes. Nas dúas horas que dura o obradoiro, a través de exemplos, ideas propias e materiais básicos, a cativada creará o seu propio libro obxecto que poderá levar para a casa. Para asistir ao obradoiro non é preciso inscrición previa.