Skip to main content
Burela

O Concello de Burela pedirá no Pleno a creación dun Consello Local de Memoria Histórica

Por 2 Abril, 2024Sin comentarios

O Concello de Burela celebrará este xoves, día 4 de abril, un novo Pleno ordinario e entre os puntos que se debaterán nel está o da creación dun Consello Local de Memoria Histórica.

Este consello estaría formado por un representante de cada grupo municipal, a cronista oficial de Burela, a directora do Museo Provincial e un representante de cada unha das seguintes asociacións: Asociación de Veciños O Vencello, ACRM Ledicia e ACSR de Xubilados do Mar, Familiares e Afíns A Moncloa.

O obxectivo desta iniciativa, explica a alcaldesa Carmela López, é “dar cumprimento normativo ás políticas de memoria colectiva, asentándonos nun profundo espíritu participativo”.

Outro dos puntos do día é a bonificación do ICIO (Imposto de Construcións, Instalacións e Obras) á Confraría de Pescadores de Burela en dúas obras: a rehabilitación da envolvente da nave de redes xa realizada e a obra ‘Pinturas na fachaza: un mar de artistas’, aínda por realizar.

“Esta proposta de bonificación débese ó papel fundamental do sector pesqueiro na historia e na economía local, que fai que consideremos que é de gran importancia axudar á Confraría de Pescadores na realización destas obras”, apunta López.

Tamén se debatirá o Plan Normativo 2024, que contén as iniciativas legais regulamentarias que se busca que sexan aprobadas. “Somos un equipo de goberno que, dende que comezou, está revisando todas as ordenanzas municipais e aprobando e creando algunhas novas como a de tráfico, a de terrazas ou a do mercado”, destaca a rexedora.

Así mesmo, debatirase a modificación das ordenanzas fiscais de saneamento e sumidoiros, que implicará unha actualización das tarifas de auga e saneamento, que levan conxeladas dende o ano 2020.

Aínda que o contrato do servizo indica que esta tarifa debe estar vencellada ao IPC, o goberno municipal decidiu conxelala en 2020 para evitar a subida da mesma no contexto da pandemia de covid 19, asumindo dende entón o concello o pago da subida.

“Decidimos conxelar as subidas nos anos da pandemia polas dificultades que estaban a pasar a veciñanza e as empresas, intentando axudar a superar esa crise da mellor maneira posible”, apunta o concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey. “Porén, era unha cuestión necesariamente temporal, e, por responsabilidade, temos a obriga de ir actualizando esas taxas ó IPC tal e como marca o contrato coa concesionaria, sempre procurando que isto afecte o mínimo posible á veciñanza”, engade.

Fernández Rey explica que “estaba pendente a regularización desta situación, e a empresa propuxo unha subida do 17%, que sería o que correspondería legalmente, pero negociamos con eles dende o Goberno municipal para reducir finalmente esta porcentaxe á metade”.

“A subida terá un impacto moi pequeno na factura da auga, en promedio será de arredor de 2,5 euros cada dous meses, máis ou menos 20 euros máis ao ano no recibo medio”, destaca o edil.