Skip to main content
Burela

O Vencello de Burela denuncia o mal estado de conservación da igrexa da Vila do Medio

Por 8 Abril, 2024Sin comentarios

A asociación de veciños O Vencello de Burela manifesta a súa preocupación polo mal estado de conservación no que se atopa a Igrexa da Vila do Medio. Segundo aseguran, na última asemblea xeral varios dos asistentes comentaron que no 2016 “uns obreiros enviados por Patrimonio foran picar a pedra e quedaran en volver para lucila”, pero afirman que ninguén volveu por alí.

Varios membros da directiva achegáronse á igrexa e comprobaron de primeira man “o estado lamentable no que se atopan a meirande parte das súas paredes, con furados máis propios do valado dun monte que dos muros dun Patrimonio arquitectónico do noso concello…E que dicir das pinturas… practicamente inexistentes”.

Co ánimo de reverter esta situación, presentaron un informe diante da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural no que explican “a situación de deterioro que presenta este templo e a necesidade de que se acometan as obras de urxencia necesarias nel”.

Ademais, afirman que tamén lle remitiron o informe á Alcaldía e á Concellería de Cultura do Concello de Burela; así coma aos partidos políticos con representación municipal e aproveitan para solicitarlles o seu apoio e o de toda a Corporación Municipal demandando a Patrimonio a inmediata actuación na igrexa.