Skip to main content
Burela

Burela estreita lazos con Cabo Verde grazas á visita do presidente José María Pereira Neves

Por 8 Abril, 2024Sin comentarios

O Concello de Burela recibiu ao presidente da República de Cabo Verde, José María Pereira Neves, que visitou a vila xunto a embaixadores, cónsules e outros cargos públicos do país. Pereira Neves visitou a Casa do Concello e asinou o libro de honra, afirmando que “é unha honra estar hoxe en Burela, que podería ser unha illa máis de Cabo Verde”.

Pereira Neves apostou por” intensificar a nosa relación a través do mar” A alcaldesa de Burela, Carmela López, puxo en valor que “a comunidade caboverdiana conforma a identidade mesma desta vila”. Levan décadas ¡entre nós e a implicación é moi intensa, son veciños, amigas, compañeiros de traballo, nenos e nenas que falan galego”, sinala.

“Sentímonos afortunados de que este lugar sexa un exemplo de integración, sendo coñecedores de que queda aínda moito traballo por facer, e por iso estas visitas nos enriquecen para mellorar neste eido”, engadiu a alcaldesa. Participaron tamén nesta recepción representantes do Goberno de España, da Xunta de Galicia e da Fundación Expomar. Posteriormente, a comitiva visitou o barco museo Reina del Carmen e as instalacións de ABSA, e o presidente mantivo un encontro coa comunidade caboverdiana residente en Burela.

“Cremos que foi unha xornada moi produtiva e emocionante, na que, dende a Área de Inmigración, trasladámoslle ao presidente os desafíos que atopamos e detectamos no servizo de atención a inmigrantes, tanto a nivel administrativo como social”, sinala o concelleiro Mario Pillado. Tamén tiveron a oportunidade de “concretar co embaixador avances a nivel burocrático que poden supoñer melloras para os nosos veciños e veciñas, o que nos anima a seguir traballando nese camiño”, engadiu Pillado. Por outra banda, o concelleiro de Mar, Ramiro Fernández Rey, destaca que “para Burela esta visita é un feito histórico que afianza aínda máis os fortes lazos que unen Cabo Verde coa nosa vila, agardamos que estes sigan a reforzarse”.