Skip to main content
Burela

O PP de Burela pide que se declare nula a creación do Consello da Memoria Histórica

Por 10 Abril, 2024Sin comentarios

O PP de Burela pide que se declare nula a creación do Consello da Memoria Histórica por incumprir os procedementos legais vixentes. Dende a formación política rexistraron  un escrito para “restituír a legalidade” no Concello de Burela. Así o explican os concelleiros populares que tamén apuntan que nese documento instan á alcaldesa “a que declare a nulidade do acordo plenario adoptado polo grupo de Goberno, no pleno ordinario do xoves 4 de abril, co que se pretende crear o Consello da Memoria Histórica de Burela”.

Os populares afirman que non se opoñen á creación do órgano en si, pero si “ás irregularidades e ás ilegalidades na creación deste Consello da Memoria Histórica”. Advirten que non se están a seguir os procedementos legais oportunos polas “precipitacións por pagar as peaxes políticas da señora López Moreno cos seus socios de goberno do BNG”.

Por este motivo, no pleno cometeron “un erro gravísimo” xa que no expediente non aparece ningún informe de secretaría no que se advirta dos pasos a seguir e no que se informe que se están incumprindo os pasos pautados na lexislación vixente para a creación de calquera consello.

Deste xeito, debe de existir un regulamento que o ampare, e esa normativa non foi creada nin levada a pleno algún para o seu debate e, se procede, aprobación. “Non hai acordo de pleno algún para aprobar ese regulamento, polo tanto o Consello da Memoria Histórica non pode ser creado de acordo a normativa vixente”, sinalaron.