Skip to main content
Burela

Burela, exemplo na loita contra as violencias machistas da man dos seus obradoiros

Por 12 Abril, 2024Sin comentarios

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, puxo en valor o traballo desenvolvido polo concello de Burela cos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que alcanzaron os 13.800 euros na última convocatoria. Así llo trasladou á alcaldesa, Carmela López, coa que compartiu a necesidade de achegar axudas aos concellos para facer unha fronte común na loita contra as violencias machistas.

“A igualdade e a erradicación das violencias contra as mulleres son unha cuestión de Estado prioritaria para este Goberno”, asegurou a subdelegada, incidindo en que “debemos apoiar aos concellos como administración máis cercana á cidadanía para que podan desenvolver políticas públicas e campañas de concienciación e prevención”. Burela é “un exemplo de compromiso á hora de despregar accións neste sentido”.

En concreto, este concello da Mariña puxo en marcha cos fondos do Pacto de Estado dous obradoiros para alumnado dos centros de ensino do municipio. O primeiro abrangueu a educación afectivo-sexual, traballando con rapaces e rapazas de 1º da ESO conceptos como o autocoñecemento, a identificación e expresión de emocións, o establecemento de límites, o sexo e o xénero, as relacións interpersoais, a empatía ou a comunicación.

A segunda das formacións estivo dirixida a alumnado de 6º de primaria e 1º da ESO para tratar a violencia dixital, abordando o impacto das novas tecnoloxías no que atinxe ás agresións machistas e á violencia nas parellas mozas. Ademais, os fondos permitiron que o concello de Burela contase con asistencia técnica para a mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, elaborando un protocolo de actuación entre os axentes que a compoñen. Nesta liña, tamén realizaron unha andaina solidaria contra a violencia cara as mulleres nun acto de concienciación aberto a público de todas as idades.

Xunta Local de Seguridade

A subdelegada do Goberno, a alcaldesa e as forzas e corpos de seguridade tamén analizaron na xunta local os datos de violencia de xénero na localidade. Comprobaron que existe un descenso dos casos, rexistrando unha cifra de denuncias no último ano de 15. Non obstante, en Burela figuran 27 casos activos na base de datos do Sistema de Seguimento Integral de Violencia de Xénero (VIOXEN).