Skip to main content
Burela

Límpanse en Burela 100 das 150 parcelas sinaladas polo seu mal estado

Por 12 Abril, 2024Sin comentarios

O Concello de Burela agradece á veciñanza a súa resposta ao operativo iniciado o pasado agosto pola Policía Local de Burela para controlar o estado de mantemento e conservación dos soares do municipio. Das 150 parcelas con expedientes abertos por incumprir as condicións estéticas e de hixiene necesarias, máis de 100 se atopan xa limpas, sen que isto supuxese ningún custo adicional para o Concello.

“Estamos moi satisfeitos coa resposta veciñal ao operativo iniciado en verán, xa que a meirande parte das parcelas que precisaban unha mellora foron arranxadas pola propia veciñanza despois das peticións que lles mandamos”, sinala a alcaldesa, Carmela López. A limpeza era necesaria “tanto por criterios estéticos como hixiénicos e de seguridade, polo que dende o Concello realizamos un esforzo a nivel técnico identificando os problemas existentes e a veciñanza respondeu con responsabilidade, aportando deste xeito todos e todas o noso gran de area”, explica.

Fan un balance do operativo moi positivo, “pois non se tivo case que sancionar, e as limpezas tiveron un custo de 0 euros para o Concello”. Entre os casos máis complexos atópanse “os de terreos cuxa propiedade foi herdada por moitas persoas, ou os que son propiedade da Sareb”, subliña. A rexedora lembrou que manter as parcelas limpas é unha prioridade do Goberno, xa que é unha demanda fundamental da cidadanía e encádrase “no noso obxectivo de manter unha vila bonita e agradable para vivir”.

Ata o momento só foi necesario recurrir á execución subsidiaria, na que o Concello procede á limpeza do soar con cargo á persoa ou persoas propietarias do mesmo, en 4 casos. Outros 20 expedientes atópanse actualmente en curso de cara á execución subsidiaria. Ademais de proceder á execución subsidiaria, de acordo co artigo 47 da Ordenanza Municipal de Limpeza, o Concello proporá para sancións de ata 1.500 euros ás persoas que incumpran o deber de manter os terreos “limpos, libres de residuos e nas debidas condicións de hixiene, salubridade, seguridade e ornato público”.