Skip to main content
Burela

O alumnado do IES Perdouro de Burela gaña a III Olimpíada Robótica en Ferrol

Por 13 Abril, 2024Abril 14th, 2024Sin comentarios

O equipo Bonito-Bot, integrado polos estudantes de 1º de Bacharelato do IES Perdouro de Burela Hugo Gorgojo, Gabriela Chumacero, Iago Ramos, Lucas Casal, Candela Fernández e Cayetana Trelles, gaña o Gran Premio Final da III Olimpíada Robótica da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol

No pavillón cuberto do Centro de Educación Infantil e Primaria de Esteiro, déronse cita máis de 100 estudantes de ESO e de Bacharelato das provincias da Coruña e de Lugo, que tiveron que superar tres retos: un sigue liñas con obstáculos, a proba do “Barrendeiro” e unha competición de sumo. No sigue liñas, o robot debía seguir unha traxectoria impresa e salvar aqueles obstáculos que se interpoñan no seu camiño, mentres que  no “Barrendeiro”, o estudantado tivo que empregar algoritmos similares aos das aspiradoras ou as máquinas de cortar o céspede para barrer todos os obxectos do taboleiro.

Por último, na competición de sumo, os equipos mediron as súas forzas nun cara a cara no que debían expulsar ao robot contrario do taboleiro de xogo. Nesta III Olimpíada Robótica participaron un total de 26 equipos integrados por estudantes de secundaria e bacharelato do IES Perdouro de Burela, do Colexio Plurilingüe Compañía de María e do IES Salvador de Madariaga da Coruña, do IES Saturnino Montojo, do Colexio Tirso de Molina e do Colexio Cristo Rey de Ferrol e do CPR Plurilingüe Nuestra Señora del Carmen La Grande Obra de Atocha de Betanzos.